A mostra sobre a Batalla de Brión en San Felipe abrirá o primeiro de abril

O Concello traballa na preparación dos actos conmemorativos da batalla, que o ano pasado, no 220º aniversario, tiveron que adaptarse ás restricións da pandemia | j. meis
|

A exposición permanente “Defensa de Ferrol: A Batalla de Brión” abrirá o vindeiro 1 de abril na sala de Cureñas do castelo de San Felipe. Así o anunciaron onte as concelleiras de Patrimonio Histórico e de Promoción Económica e Turismo, Eva Martínez e María Teresa Deus, respectivamente, que lembraron que esta acción forma parte do proxecto europeo MMIAH, no que, canda Ferrol, están integradas outras oito cidades que procuran a posta en valor do litoral urbano atlántico a través da recuperación de bens en desuso asociados ao seu patrimonio militar, marítimo e industrial.


A mostra dividirase en seis bloques temáticos sobre os acontecementos dos días 25 e 26 de agosto de 1800: contexto histórico da batalla, escenarios, protagonistas, reconto gráfico das armas e do número de tropas coas que contaban ámbolos dous bandos, a vestimenta e uniformes dos exércitos e, por último, os pormenores do desenvolvemento da propia contenda.


Con este proxecto, o Concello quere, explicaron as edilas, “pór en valor un episodio histórico cun gran potencial para darlle proxección exterior a Ferrol tendo en conta que se trata dun dos acontecementos máis relevantes da historia da nosa cidade”.


Ademais, o goberno local traballa para que este verán se poida organizar unha conmemoración de máis entidade que a que se puido levar a cabo o ano pasado, no 220º aniversario da batalla, por mor das restricións sanitarias.


A concelleira Eva Martínez asegurou que con esta exposición se pretende “dar ao noso patrimonio histórico o valor que merece” e, para iso, é prioritario “dotar de contido museográfico o castelo”, a comezar, sinalou, “por un espazo magnificamente rehabilitado como é a sala de Cureñas”.


Pola súa banda, a responsable de Promoción Económica e Turismo destacou que o deseño “atractivo, entretido e de calidade” da mostra busca espertar a “curiosidade” nos visitantes e, ao tempo, “transmitirlles a importancia do episodio histórico”.

A mostra sobre a Batalla de Brión en San Felipe abrirá o primeiro de abril