Abeirarse a boa árbore

Á hora de procurar unha metáfora sobre a máxima utilidade futura das árbores na supervivencia do planeta e da especie humana, sen dúbida algúns refráns teñen unha forza especial: Quen a boa árbore arrímase, boa sombra acubíllalle. Certo é que no seu alcance simbólico para non deixar a súa significación ao limitado aspecto da primeira apreciación. Aínda así, para o noso país, é ben acaído outro: Axeitadas plantacións, enriquecen nacións. Por iso, nesta próxima data de conmemoración do Día Mundial da Árbore, estamos convocados polo medio cento de entidades, asociacións e colectivos que forman a plataforma “Por un monte galego con futuro” para amosar, enchendo de xente rúas e prazas de todo o país, o rexeitamento masivo ao Plan Forestal que está a cocer o goberno autonómico, carente de consenso social e baseado nunha diagnose artificiosa da situación verdadeira que se vive no monte galego, fomentando coa súa proposta o monocultivo de especies invasoras, nomeadamente o eucalipto, estendendo sobre terras agrarias o espazo forestal, sen dar cumprida resposta con esa alternativa senón todo o contrario fronte á catástrofe ecolóxica dos incendios forestais que cada ano cobran unha máis grande dimensión.


Amais diso, alenta a desaparición dos montes veciñais en man común, nacidos do dereito xermánico de propiedade, e agrava a situación de abandono do rural, na liña contraria a súa valorización coa experiencia soportada na aínda inacabada pandemia sanitaria e social do contaxio vírico mundial.

Velaí, vai algo máis dun ano na procura de saber sobre a orixe certa do foco inicial de contaxio, sen resultado sobre a fonte da Covid-19 por máis que todas as certezas científicas do momento apuntan á perda da diversidade biolóxica xerada por actividades económicas como a deforestación, o comercio e a cría intensiva de especies animais.


A propia ONU advertiu como a guerra contra a Terra e a deterioración dos ecosistemas está a levar á humanidade unha nova era marcada pola aparición de epidemias. Máis dun millón de virus poden saltar á especie humana. Daquela, coa chegada desta longa pandemia vírica fai un ano, os cimentos do sistema económico cambaleáronse. As cidades baleiráronse de actividade e xente nas rúas, os hospitais colapsaron e as economías territoriais esborralláronse. En certo xeito, a vaga do actual contaxio vírico é un espello que devolve reflexo destrutivo da actividade humana. Óllase luz ao final dun túnel que é moito máis longo do calculado sen saber se a vacina, demorada no seu subministro por dolosa neglixencia da súa xestión pública, traerá tamén unha versión para os ecosistemas. Para árbores e bosques pegados a identidade de seu do sistema forestal ancestral galego. Saúde e futuro. 

Abeirarse a boa árbore

Te puede interesar