Defensiva

|

Hai días, neste noso xornal, lin un artigo de opinión dun escritor que se queixaba do que el chamaba “asalto telefónico”. Iso fíxome lembrar as moitas veces que recebemos na miña casa chamadas no teléfono fixo, do tipo que o autor do artigo expresaba como: “Soi fulana de tal … y le ofrezco …” Ou, “ Soi mengano de cual … y le proponemos …” . Isto pode lle ocorrer a calquera, en calquera hora e na situación máis inoportuna. Xa que logo, botei de menos algún consello de tipo defensivo para evitar esas situacións. Coido que as autoridades deberían intervir na defensa da intimidade das persoas, pois está comprobado que o da protección de datos non funciona para certos “piratas”. Seguramente haberá algún medio que eu non coñezo, para combater esta “piratería” e, sería interesante que se alguén coñece algunha táctica defensiva, a publicase dalgún xeito, para tranquilidade de todos. Mentres tanto, podemos usar varios recursos, como deixar falar sen respostar, deixando correr a chamada, ou aplicándolles o método de: “se quere falar co meu pai, pulse 1, se quere falar coa miña nai pulse 2... En fin, calquera artimaña defensiva, menos mentarlles a familia aos comunicantes, que non son os culpables directos do problema. Paréceme a min, claro.

Defensiva