Horripilante

Non é preciso seguir moi de perto a vida política, nin ter memoria de elefante, nin visitar asiduamente as hemerotecas ou cousas semellantes para termos na cabeza certa idea de que o PP leva máis dun cuarto de século gobernando a comunidade de Murcia e non precisamente en calma chicha. O penúltimo presidente acabou presentando a dimisión debido aos procesos xudiciais, por presuntas corrupcións, que tiña abertos. O seu predecesor no cargo acabou por deixar o partido por entender, precisamente, que os dirixentes do mesmo tapaban casos de corrupción. Sen esquecermos que hai un par de meses o conselleiro de Saúde se viu forzado a dimitir por se ter vacinado indebidamente xunto con outros cargos do seu departamento.

Todo iso vírano no pasado recente ou vírono no presente os/as representantes de C’s na Asemblea de Murcia e decidiron poñerlle fin. Ata aquí chegamos, deberon pensar, e o mércores pasado esas seis persoas asinaron, xunto cos representantes do PSOE, unha moción de censura que tiña todas as garantías para poñer fin a todos eses anos de gobernos presuntamente pouco transparentes. Mais resultou ser certo iso que nos contaban de que a carne é débil e renunciadora e tres dos/das asinantes de Ciudadanos en menos de 48 horas mudaron de opinión.


A debilidade e o renuncio da carne materialízase en “76.00 euros anuales y un chófer en la puerta”, en palabras da candidata a ocupar a presidencia murciana no caso de triunfar a moción de censura.

Pasou á historia aquilo de que a palabra basta. Agora xa non serve, nin sequera rubricada en papel e non porque os boligrafo ou estilográficas de luxo utilicen tintas que se tornan invisibles. Nin moito menos. Son ben visibles pero que máis ten.


Ao que parece foi o señor Egea, don Teodoro –que daquelas terras é–, quen logrou convencer –en terminoloxía usada por algúns medios– a tres dos asinantes da moción para que se botasen atrás. Para el a palabra dada ou a sinatura botada deben carecer de valor. A min, desde logo, paréceme máis convincente o expresado polo deputado Edmundo Bal: “El PP ha comprado las voluntades de tres personas a cambio de poder”. Aquela “compradera de votos”, que dicía Carlos Puebla?


Xa non falemos do enésimo exercicio de converter en papel mollado o pacto antitransfuguismo, onde se define como unha forma de corrupción e unha práctica antidemocrática que altera as maiorías expresadas pola cidadanía nas urnas. Ademais de deixar meridianamente claro que son as formacións políticas polas que foron eleitos os/as representantes as encargadas da cualificación de tránsfugas. Tránsfugas son, pois, as deputadas e o deputado “convencidos” por don Teodoro porque así os considera Ciudadanos, o partido ao que pertencían.


Nese contexto, carecen, xa que logo, de sentido declaracións como as de Núñez Feijóo, celebrando que a deslealdade dos da moción non tivese premio. A realidade dos feitos deixa ás claras que o PP botou man duns tránsfugas para poder conservar o poder en Murcia. En fin, que a veda volve estar aberta e a ver en que acaba todo isto. 

Horripilante

Te puede interesar