Menos mal...

Como xa teño contado nalgunha ocasión, adoito almorzar diariamente coa lectura do noso Diario. Fágoo, case sempre, demoradamente, degustando tanto as galletas molladas no café con leite como as noticias.

Aínda que, de cando en cando, hai novas que me producen tal desagrado que case me esgano cos alimentos que estou a inxerir, como tamén teño referido.


Pasoume antonte cando nunha das páxinas de “Sociedade” vin o titular “Portugal envía por primera vez una canción en inglés al Festival de Eurovisión”. Glub!, dixen, como as personaxes dos tebeos da miña infancia. Recuperado do shock -choque que dirían os lusitanos-, lin no texto da noticia que fora “Love Is On My Side”, do grupo soul The Black Mamba, o tema gañador do Festival da Canção, que, en Portugal, elixe a canción que represente a RTP en Eurovisión. Nas votacións do xurado houbo empate con “Por Um Triz”, de Carolina Deslandes, e decidiu o voto do público. Unha mágoa, digo eu, malia recoñecer que gustei do tema. Porque non é boa noticia que os portugueses acabasen por desertar do seu idioma como antes fixeran outros.


Onde fica o “Menos mal que nos queda Portugal” do coñecido LP de Siniestro Total?

Menos mal...

Te puede interesar