Nevenka

Hai moitos anos, non sabería dicir cantos, que son seguidor das columnas diarias ou semanais de Juan José Millás. É por iso que o domingo pasado lin, como habitualmente fago, a súa colaboración en El País Semanal, que titulou “Nevenka Fernández y el precio de la verdad”. Fala daquela vomitiva historia de acoso e abuso de poder acontecida en Ponferrada, finalizando o século pasado e comezando o presente, que tivo como principais protagonistas un maduro alcalde do PP e unha xove e atractiva concelleira do mesmo partido.


Foi, como recordarán ben os lectores de por volta dos corenta anos, ou máis, un caso moi soado, que acabou nun, tamén soado, xuízo que tivo lugar no Tribunal Supremo de Xustiza de Castela e León. Soado por diferentes motivos. O máis chamativo, se cadra, foi que o fiscal José Luis García Ancos –nada menos que o fiscal xefe dese tribunal superior– houbo de ser apartado do caso por tratar a concelleira denunciante como se fose a culpable. “Es una testigo, no una acusada”, chegou a dicirlle o presidente do tribunal. Mais non o foi menos a sentencia, pois, se ben é certo que foi a primeira condenatoria dun político por acoso sexual, non o é menos, que o acusado foi condenado a unha pena mínima: unha multa-que incluso rebaixou o Tribunal Supremo no recurso, por considerar que non houbera abuso de autoridade- e unha indemnización á concelleira denunciante ridículas. O alcalde non foi, nin sequera, forzado a renunciar. Dimitiu, pero porque quixo.


Millás, segundo ten contado, sentiuse atraído por aquela dura historia e, cando se fixo pública a sentencia, decidiu que pagaba a pena contala nun libro, para o que entrou en contacto con Nevenka Fernández, quen gañara o caso pero, era evidente, que resultara perdedora. “Había sido víctima de su propia cultura, una cultura machista, misógina, brutal en muchos aspectos”, en palabras de Millás. Das conversas entre ambos saíu Hay algo que no es como me dicen / El caso de Nevenka Fernández contra la realidad (Aguilar 2004) -con título tomado dunha frase que a exconcelleira pronunciara nun dos primeiros encontros con Millás-, libro que, segundo o autor, “no fue ni bien ni mal ni todo lo contrario”.


Lendo o artigo de Millás foi como me enterei da inminente estrea en Netflix do documental Nevenka, dirixido por Maribel Sánchez-Maroto, que vin de corrido na noite do venres. A directora ten dito que o que procurou foi remover as conciencias de quen apoiara o alcalde condenado e despreciara a vítima, así como cuestionar canto se avanzou socialmente e canto queda por facer.


Debo confesar que gustei moito de velo, aínda que me deixou moi mal corpo, porque penso que, no fondo, a sociedade non cambiou moito nestes case vinte anos transcorridos. O que vin no filme, ese rancio franquismo, ese PP -que case vén sendo o mesmo-, seméllame practicamente idéntico ao que podo ver cada día.


Se poden, non deixen de ver Nevenka, que penso que paga a pena reflexionar sobre o tema. 

Nevenka

Te puede interesar