O novo tanque de tormentas de Cabanas permitirá mellorar o saneamento da ría

O novo tanque de tormentas de Cabanas permitirá mellorar o saneamento da ría
Gonzalo Trenor e Bernardo Fernández, durante a visita ao lavadoiro | cim

Aguas de Galicia acaba de adxudicar a construción dun tanque de tormentas en Cabanas que permitirá avanzar no saneamento da desembocadura do Eume. Será a empresa Extraco a que se encargue de levar adiante esta infraestrutura, que ten un investimento de 1,2 millóns de euros. O prazo de execución é de doce meses.


O tanque de tormentas de Cabanas impulsará as augas cara a depuradora de Centroña, en Pontedeume, salvando unha distancia de 450 metros. Irá soterrado a unha profundidade de 20 metros.


O obxectivo destes traballos, informa a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, é o de construír un novo colector dun quilómetro de lonxitude, ao longo do paseo da Madalena, para reducir as actuais entradas de auga de mar á rede.


Paralelamente, na outra beira, en Pontedeume, continúan as obras de construción dun novo colector interceptor, que tamén reduza as infiltracións de auga de mar e de augas brancas. Ademais renóvase a rede de abastecemento no treito afectado. A Xunta mantén que no primeiro semestre do ano estará funcionando.


Avanza a rehabilitación do lavadoiro da Graña, no entorno das Fragas
O delegado da Xunta na provincia, Gonzalo Trenor, visitou onte a rehabilitación do lavadoiro e da fonte da Graña, en Pontedeume, que se fai cunha subvención a partir dos fondos europeos Feder para a revalorización dos entornos dos parques naturais. Estivo acompañado polo alcalde da vila, Bernardo Fernández. Trenor lembrou que, ao abeiro destas axudas, dirixidas tamén a particulares, invírtense nas Fragas do Eume máis de 72.800 euros. Ademais da rehabilitación do lavadoiro, que conta con 38.000, apóiase a recuperación e mantemento de camiños e elementos tradicionais en Soaserra (Cabanas), con 13.000 euros. Rehabilitacións de hórreos e palleiras e rexeneración de bosque dispoñen de 21.822 euros en axudas.

O novo tanque de tormentas de Cabanas permitirá mellorar o saneamento da ría

Te puede interesar