O TREN QUE NOS LEVA...

|

Para termos o vento a favor
é preciso saibamos
cara onde queremos navegar

Cóntannos dende o Goberno que o diñeiro xa está aflorando. E de que servirá chegue ós bancos se ós pequenos e medianos empresarios e ó resto de cidadáns non chega ren?
De que vale que a auga mane na fonte senón dá chegado ao leito do río. De que, á inmensa maioría de sedentos, senón hai acceso á fonte. De que serve termos vacas, se as muxen outros e levan o leite a Suiza...?
Baixo a vella figueira da horta de Manxapán ó pé da ría de Neda, o sol mainiño durmiñaba unha curta sesta disimulado por algunha que outra nube navegante cara ó nordés e as pólas da árbore nas que, con algo de vergoña, comezan a brotar os primeiros abrotos.
Cara A Coruña, lentamente o ferrobús, namentres na ribeira do Couto sachaban na ameixa. Mesmo alí onde comeza o terreplén da vía do ferrocarril, preto da morta estación cara á desembocadura do Xubia e Belelle, ducias de gaivotas choronas tal almas en pena, chiaban voando raso ou peteirando no putrefacto e cheirento fango alí estancado dende comezos do pasado século, cando pecharon o tránsito mareal para que o tren tivese paso riba da ría.
Zona morta, improductiva e insalubre –da que ninguén se preocupa– dende a construcción do terraplén. Hoxendía dados os adiantos técnicos cos que as inxeñerías contan, sería doado dar acceso á función de ascenso e descenso das mareas para que logo dunha limpeza e co paso dun curto período de tempo ese espacio que vai dende a vía do ferrocarril ata a ponte do Xubia recobrara vida e trouxera riqueza, que tanta falta fai nesta contorna. Tamén axudaría e moito, a sanear a parte sur desta ría, zona de O Puntal. Políticos e técnicos das administracións galegas e central ben saben, se quixeran.
Sigo co tren hoxe anticuado, que apenas dá un mínimo servicio ós ferroláns e ó resto de cidadáns doutras contornas que por diversas circunstancias tiveran que se desplazar nunha ou noutra dirección por negocios, traballo, estudio, ou turismo.
Para cando un tren moderno,  rápido, económico, con horarios axeitados e boas convinacións? Agora que tanto se está falando o turismo para dar a coñecer tan fermosa e interesante cidade e comarca, aínda que esquecida por falta de interese político dos gobernos de aquí, aló e acolá.
Poida que non saiban que Ferrol exista, agás cando as eleccións. Mágoa que volvamos perder o tren e a maioría dos medios de transporte que nos poderían traer o progreso, alonxándonos da cativeza en que vivimos.
Teremos que vivir da memoria histórica. Do que foi a Ilustración, a cidade naval e militar. Os estaleiros máis importantes de Europa, por non dicir do mundo, Bazán e Astano. Das grandes industrias e fábricas que unha a unha deixamos caer, coma se fosen fichas de dominó. Da fartura ida. Da alegría que nos roubaron?
No ferrobús que retorna de A Coruña (desbotados noutras cidades por vellos e sometidos a fortes desgastes), o conductor, o revisor e dous ou tres pasaxeiros.
Non sei porqué aquí en Galicia válenos todo. Incluso aceptamos polbo como animal de compañía. Namentres o Señor Feijóo – que nunca mente – pregoa que somos os mellores, os máis guapos e os que mellor cantamos a Rianxeira. Ser dos mellores puidera ser se tiveramos apoio económico e non seguiran existindo, tal antano, tanto cacique e aproveitado.
Os galegos nunca fumos parvos. Non cremos en promesas que non frutifican, nin en palabras que tan pronto saen dos labios dos prometedores encaran a boca da ría e van parar ao fondo do Cantábrico, ou rematan nas ondas bravas do Atlántico, cara a ningures.
Sen dúbida algunha, as novas xeneracións están moi preparadas en tódalas ciencias, artes e oficios. Mágoa teñan que emigrar na busca do máis premente, traballo, tantas veces a países tan lonxanos como Xapón ou Australia.
Por desgracia moitos arraigan alí onde lles ofrecen un porvir, máis ou menos estable, quédanse para sempre, axudando a crecer o país de acollida. Así nos loce o pelo. Seino, amigo Sidre, máis aló do Ancos, do Marraxón, do Cantábrico e do Atlántico, hai outro mundo. Pero nós queremos que os nosos fillos e netos poidan vivir nesta terra galega. Nesta divina terra, sen teren que marchar lonxe e sufrir tanto como os seus pais e avós. Queremos!!
Que o tren que nos leva… non sexa cara á emigración.

 

O TREN QUE NOS LEVA...