MOITO CONTO

O presidente da Xunta presentou hai uns dous anos os acordos con Pemex como a solución á falta de traballo do naval galego, xa que seica se garantía ocupación para 3.000 operarios. Para que ninguén o ignorase e esquecese, déuselle ampla divulgación a que era grazas á xestión persoal de Núñez Feijóo e mérito do seu partido. Pasou o tempo sen que se concretase o acordo, sempre coa escusa da problemática interna en México, mentres os traballadores/as mobilizáronse para esixir o cumprimento do compromiso.
Por fin, a principios deste ano a operación concretábase co acordo para a construción de dous floteis, un en Barreras e outro en Navantia, que darían emprego a uns 1.000 obreiros durante 30 meses. Sendo unha nova positiva, tamén significa que a carga de traballo real estaba moi por debaixo do anuncio triunfante que fixo no seu día Feijóo, xa que non permitía ocupar a todo o cadro de persoal en ambas as empresas, afectando especialmente a Navantia.
Por se non abondase coa vaga de falsas promesas, agora unha parte do traballo que ía realizar Navantia-Ferrol estase a facer no estaleiro da empresa de Puerto Real en Cádiz, segundo denuncia a sección sindical da CIG. Lembremos que este mazazo ao estaleiro ferrolá súmase á recente decisión da UE de impedir a construción dun dique flotante con cartos públicos (como se houbese outro xeito de facelo), eivando deste xeito a oferta para a reparación naval.
Nestes temas non se pode responsabilizar a México, e a supostos modos irregulares de axer no “terceiro mundo”, senón que son obra da dirección de Navantia en Madrid, unha empresa pública, e da Comisión en Bruxelas, sede dese consorcio das grandes empresas e capitais que é a Unión Europea. A situación do naval galego garda unha relación directa cun euro sobre valorado, coas taxas de importación e exportación, ou sexa coas apostas xeoestratéxicas da UE.
Mais tamén con que nuns estados se permitan axudas á construción e noutros non; unha modalidade que non deixa de ser unha mala escusa. Tanto neste aspecto, como en recoller méritos políticos por adiantado, hai moito conto que sempre pagan as clases e territorios subalternos.

MOITO CONTO

Te puede interesar