Persoas de consenso

Convocada pola Asociación de Amigos do Couto Mixto, a localidade ourensá de Santiago de Rubiás será espazo da celebración do investimento dos novos Xuíces Honorarios que, nesta ocasión, recoñecen a labor da Asociación Galego-Portuguesa de Educación pola Paz, da Eurocidade Tui-Valença e do “Duo 2na fronteira”. Un ano máis, os chamados Homes de Acordo que representan a cada unha das parroquias que configuran este singular Territorio Histórico uniranse para abrir a “arca das tres chaves”, elemento patrimonial que simboliza o consenso que resulta preciso para asegurar a unidade de actuación, arredor do interese común e da eficiencia.
Con certeza, a palabra “homes” nacida da tradición lingüística do pasado hoxe adoptaría unha linguaxe máis acaída ás expresións non sexistas e, polo tanto, con certeza haberían chamarse persoas de acordo. Entendámolo así. Metáfora dos tempos políticos que precisa a sociedade para alén da polarización que están a marcar os procesos saídos da manifestación de pluralidade que expresa a cidadanía, sexa na escolla da súa representación parlamentaria ou para o caso do resultado dun referendo. Estas circunstancias que nos son tan próximas, no tempo e no territorio que habitamos, son unha boa mostra da necesidade de valorizar o papel de xestión de persoas con capacidade de diálogo, negociación e acordo. É dicir, xentes de consenso.
Velaí está o repto de acordar un futuro goberno estatal, para o caso español. Tamén un tratado que facilite a relación do Reino Unido coa Unión Europea. Nun e no outro dos casos, potenciado pola dinámica dos medios de comunicación tirando titulares que enganchen ao seu público, a relevancia vai polo camiño de darlle máis sona ás manifestacións dise modelo de políticos que coñecemos por “falcóns” en troque das opinión dos “pombas”, menos interesantes para o consumo dos lectores ou espectadores, certo, porén mais axeitadas ao que será o futuro escenario, de gobernación ou acordo comercial, impulsados polos grupos de interese. Ao tempo.
No ámbito da política partidaria tamén é necesario recuperar ás figuras de consenso que permitan crear pontes de entendemento e acordo con outras opcións e alternativas de proximidade para sumar forza que resulte atraínte para seducir ás urnas aos electores faltos de motivación, precisamente pola falta de unión e concentración das propostas electorais. É palpábel a mudanza acelerada dos modelos de comportamento demandados pola cidadanía. A polarización en tipos duros e rexeitábeis está demandando cambio ao patrón das “persoas de acordo” e populares.

Persoas de consenso

Te puede interesar