Carta aberta a Martina Aneiros

estimada voceira do PP de Ferrol:
Antes de nada teño que recoñecerlle que, a pesar da miña idade -xa non son un mozo-, de ter estado en diversos países e noutros territorios do estado español por motivos de traballo -xa que na miña terra se me negou-, de traballar con xente doutras  nacionalidades, o cal aproveitei para coñecer outras culturas e outras formas de ver e pensar o mundo, non saio do meu asombro ao ler neste diario en datas pasadas, a preocupación do seu grupo municipal pola defensa dos sectores máis desfavorecidos.
Realmente un non sabe que pensar. Se é unha cuestión de desvergoña, de aquí vale todo, ou se realmente este problema social tan angustiante dos desfavorecidos é algo que realmente preocupa ao PP ferrolán.
Dígolle isto porque quero recordarlle que o PP leva dúas lexislaturas consecutivas gobernando no estado español e na Galiza practicamente toda a vida. Porque foi o seu partido o que creou a maior bolsa de pobreza desde tempos da ditadura, tanto no noso país como no estado español, coas medidas que adoptou totalmente erróneas mais si “interesadas” en atallar a crise, a cal asolou e asola o estado español. Foron os membros máis destacados do seu partido quen afundiron Bankia, a verdadeira responsábel da crise en España e foron os dirixentes do seu partido os que permitiron que milleiros de persoas se quedaran sen un teito onde durmir, para que o fillo de Aznar e outras familias do PP se enriquecesen escandalosamente negociando con estas vivendas.
Mire, señora Aneiros, podíalle pór máis exemplos: os novos traballadores que non poden chegar a fin de mes que creou o seu partido coas reformas laborais; os mortos pola negación das medicinas aos doentes da Hepatite C; a negación das axudas na dependencia que fixo que tamén morreran miles de persoas no noso país en base a que non había cartos, mais si que había trece mil millóns de euros ano tras ano para a igrexa católica; os pais que non poden mandar aos seus fillos á universidade pola redución das bolsas e o aumento das matrículas; os pais que só poden darlles unha comida ao día aos seus fillos, xa que lle recordo que o estado español está á cabeza de Europa en pobreza infantil  e así un longo etc
Porque, señora  Aneiros, o problema social de Ferrol e da súa comarca é un problema creado polas políticas da capital do seu reino cara a esta cidade e esta comarca. E se en Ferrol e no resto do país o problema dos desfavorecidos, como din vostedes, non é maior, é porque como dicía Castelao “o galego non protesta, o galego emigra”. 
E non vou ser eu quen defenda o goberno desta cidade, o cal está a adoptar as mesmas políticas que vostedes (algo que seguramente lles preocupe xa que non teñen onde rascala) nos principais problemas que ten esta cidade. Mais é xusto dicir que o único que pode facer esta corporación co tema dos desfavorecidos é repartir miseria, algo que ao seu grupo e a xente da súa ideoloxía lle encanta. 
Si señora Aneiros, para vostedes a solución deste problema social pasa pola caridade, mentres para este que escribe, pasa pola solidariedade e un reparto equitativo da riqueza. 
Porque a caridade trátase dunha posición de dominio que se exerce de arriba a abaixo, mentres que a solidariedade trátase dunha relación horizontal “de ti a ti” e non “de ti a vostede”.
Xa para rematar, se vostede e o seu grupo do PP en Ferrol queren solucionar de verdade o problema da xente maltratada por este inxusto sistema que nos tocou vivir, reclámelle ao seu goberno de Madrid e de Galiza,  que suba o salario mínimo interprofesional, que aumente a protección por desemprego,que aumenten os salarios, que aumenten as axudas á infancia, que cree máis emprego público, que faga un sistema de impostos xusto e equitativo onde o que máis ten máis paga, que invista en educación, que invista en I+D, que defenda os nosos principais sectores produtivos (pesca, agro, naval, gandería etc) en Europa e non que os utilice como moeda de cambio pra beneficiar os negocios privados de oligarcas doutras partes do territorio.
 E se despois quere esixirlle ao goberno desta cidade medidas, esíxalle que se plante a Madrid, que pete nas portas do goberno español para que doten os nosos estaleiros civís de carga de traballo –xa que este é o principal problema desta cidade e desta comarca no referente a desemprego–, que esixa a defensa das potencialidades en emprego da nosa comarca e do noso país e daquela somos moitos os que concordaremos con vostedes na loita polos desfavorecidos e os esquecidos deste irracional sistema económico.
 

Carta aberta a Martina Aneiros

Te puede interesar