Cheiros

|

Produciume tremenda sensación de malestar ver na televisión as declaracións do presidente do Goberno español nas que manifestaba o recoñecemento de Juan Guaidó como presidente encargado de Venezuela. Máxime, cando foi o primeiro goberno da UE en cometer tamaña equivocación. Oxalá España nunca fose primeira en adoptar posturas belixerantes. Porque as inxerencias nos asuntos internos doutros estados é pura e dura belixerancia. A xustificación de que fai iso para que Guaidó convoque eleccións presidenciais libres, democráticas e transparentes, en aras de alcanzar a liberdade, a prosperidade e a concordia de todos os venezolanos, sendo eles os que decidan o seu futuro sen medos sen presións e sen ameazas é simplista. Non hai tal. Ninguén cun ápice de pensamento honrado pode acreditar en semellante cousa. Pedro Sánchez, e o seu goberno, decidiron facer ouvidos xordos a declaracións sensatas como as de Rodríguez Zapatero a respecto das últimas eleccións venezolanas -esas que, por mandato ianqui, decidiron non recoñecer- ou como as do expresidente uruguaio Mujica: “la democracia por la que se clama tiene olor a petróleo”.

Cheiros