Na fala da Terra Nai,
falo ó ceo, falo ó mar.
Fálolle a chuvia e ó vento
e a quen queira que me escoite.
Gustaríame saber, quizais tamén a vostedes, porque despois de tantos anos que Galicia/Galiza foi reino, rexión, autonomía, país, nación/nazón de Breogán, pobo histórico, eso si sempre asoballado polos de acó, de aló e de acolá, agora, veñen dicirnos que “vivamos como galegos”.
¡Vaites!¡Vaites! E logo, ata de agora, como foi que vivimos? Como madrileños, andaluces, ingleses, alemáns, ianquis, ou como os esquimoles en iglús, comendo carne de foca. Quizais, como marcianos; anque, quen sabe como viven por aló na súa terra de Marte?
E agora, cabeciñas pensadoras, veñen decirnos a nós, galegas e galegos deste pobo da longa noite de pedra, terra ancestral e fascinante, fermosa, que coma ela non hai outra, bicada por bravos mares, regada por mil e un ríos, berce e sosego eterno de Rosalía, Pondal, Curros, Castelao, Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e tantas e tantos ilustres próceres que, vivamos como galegos.
Dende a nacencia desta sufrida terra, sempre vivimos como galegos. Uns mellor ca outros. Os caciques, os gobernantes, os que teñen o poder sempre viviron e viven mellor á conta doutros galegos que traballamos para eles.
E pregunto, quizais tamén vostedes, entón, como que galegos nos recomendan ou aconsellan vivamos?
Como os altos cargos da executiva da banca e das grandes empresas; como os que teñen cargos políticos con salarios que quintuplican e máis o mínimo salario interprofesional; como os que teñen coches de 50.000 euros, vivenda na zona máis cara da cidade, chalet no campo outro na beiramar e iate atracado en peirao de luxo.
Como os “galegos como ti” que herdaron pazo, propiedades, empresas e bos negocios aquí en Galicia e reciben rendas e beneficios en Madrid, onde residen todo o ano, agás tres meses de inverno na costa Mediterránea e quince días que veñen a esta terra, terra dos seus avós, polas festas a enchérense de marisco fresco, fardar, pillar unha “cogorza” por día e brindar, entre eructos e baballas ¡Viva Galicia, que bien vivís aquí, carallo!
Ou poida que, quizais, como os millóns de parados; os que traballando moitas horas non lle chega o salario a fin de mes; aquelas familias que non teñen ingresos e vense obrigados a recurrir á beneficiencia, á caridade, á esmola. Ou como os que non poden mercar as medicinas, poñer a calefacción, comer quente, vivir dignamente, alimentar ben os seus fillos mercarlles roupa e libros.
Como aqueles que lles quitaron a vivenda por non poder pagar os plazos, os que lles saquearon nos bancos e nas caixas os aforros de toda a vida, como os millerios de mozos e mozas que non poden indepedizarse dos seus país e formar un fogar.
Poida que, como os milleiros de persoas desta terra esquecida e maltratada polos gobernos, non atopando aquí traballo estable teñen que pillar as maletas, deixar ós seus e emigrar, case que coa certeza de non volver afincarse aquí, xa que as perspectivas a corto e medio prazo non son nada prometedoras.
Vivamos pois, como os galegos ricos sobrados de cartos, tan sequera como aqueles que chegan a fin de mes sen deber a ninguén.
Os outros, milleiros de nenos, mozos e vellos que non vivan ben ou navegando a cuberto, paciencia e resignación.
Agardar a que se cumpla aquela frase do escritor alemán Friedrich Schiller, recollida no seu ensaio “Philosophie der Physiologie” (1779): É misión dos lexisladores políticos erradicar a miseria dos pobos. Pero que políticos leron a Schiller e a outros pensadores humanistas. Pensar dálles dor de cabeza e erradicar a pobreza semella que non interesa.