BOLA

Ese bo amigo a quen todos os anos merco lotería de Doña Manolita foi quen se encargou de mercar, embalar e remitirme desde Neda a bola de ovos que eu debía de oferecer, en Madrid, a unha xente á que teño moi encucuiada (eles a mín, tamén). Porque se San Cucuio (en puridade, Cucullu, beato ferrolán patrón de mimosos e mimosas) non andivera polo medio en boa hora ía eu “baixar” a Madrid cunha bola de ovos de kilo e medio, en tren de cercanías ata Príncipe Pío e logo percorrer o Manzanares pola súa beira esquerda ata chegar á rúa homónima.
Había ben de tempo que non me cadraba ruar con mandados desta caste como nos tempos de María Castaña, cando teño vido de Galicia con carne, chourizo, augardente, patacas, empanadas (ollo coas que levan cebola, que fermenta axiña) e, naturalmente, bolas de ovos. Que eu debo de ter cara de mandadeiro, se non non se explica. De cousas de comer, pero tamén de outra categoría. Como aquel libro, en encargo subarrendado polo meu pai (quen non dera feito o mandado), que tiven de levar a General Mola (hoxe Príncipe de Vergara), para atopar ao destinatario de corpo máis que presente.
Pero o mellor desta volta foi a cara de abraio do meu porteiro, don Pepe Zugasti, cando me preguntou que levaba en caixa tan voluminosa. Díxenlle, en español, claro, que unha “bolla de huevos”. E era de ver a expresión sorprendida do meu eficaz cancerbero. Terei que traerlle unha, co que non me dou desfeito do raio dos encargos.

BOLA

Te puede interesar