QUE FESTAS?

A semana pasada, o venres 22 de agosto, acudiamos á feira do libro de Monforte de Lemos para asinar exemplares da nosa última novela, “Entrada ao xardín do saber”. Cómpre dicir que teño que estarlles moi agradecido aos monfortinos, e foráneos tamén, que adquiriron a novela e a quixeron levar dedicada, e que non foron poucos, cousa que leva sucedendo nas distintas feiras ás que asistimos con idéntico propósito (Ferrol, Ribadeo, A Coruña, Viveiro, alén de Monforte). Pero perdan coidado porque, na verdade, este non é o tema que hoxe quixeramos abordar. Non obstante, si ten que ver cunha cuestión suscitada nesta última feira e que lles pasarei a relatar seguidamente.
As festas de Ferrol –a chamada ‘semana grande’, apelativo que de por si impón xa certo respecto– arrancaban o amentado 22 de agosto; e de aí até o domingo 31, cuxo broche final é posto polos clásicos fogos de Amboaxe ou de S. Ramón, Ferrol está, disque, na súa semana grande de festas. Fágase o inciso de que será coa actuación da orquestra Panorama, e cremos que no peirao de Curuxeiras, que se poña o punto e final a partir da media noite. Mais regresemos agora a Monforte, e que ten que ver co que nos estamos a referir aquí.
Vén ao caso polo comentario feito polo acompañante dun dos xentís compradores de “Entrada ao xardín do saber”, logo de termos falado acerca do declive que está a sufrir a capital da comarca da Terra de Lemos (“Cénsate, contigo en Monforte somos +”. “Ser máis para ser máis fortes”: rezaba en grandes letreiros), e razón pola que case que por alusións vímonos na obriga de ter que facer referencia a Ferrol.
Salvando as distancias, pois Monforte loita por chegar aos 20.000 habitantes e Ferrol por non baixar dos 70.000, dáse ao noso entender unha curiosa analoxía entre ambas as poboacións. Un certo sentido de industria de enclave, polarizado na nosa cidade no asunto da construción naval, e en Monforte de Lemos na do tren, no ente ferroviario dun modo moi xenérico, xa que non debemos esquecer que se continúa a tratar do principal nó dos camiños de ferro de Galiza, aínda que hoxe en horas baixas, e que fai que as dúas poboacións se abracen nese sentimento común de declive e horizonte bastante incerto.
De aí que, chegado o momento en que, tras falar con algún pormenor acerca da situación calamitosa da nosa cidade, e que se nos formula a pregunta por parte desta persoa (ferroviaria por certo), sobre que tal a “marcha” en Ferrol, ou sexa, o ambiente que poida haber e se llo podemos recomendar caso de ir de visita, é aí cando se nos vén a alma aos pés.
E é que daquela, as festas pasáronnos de súpeto pola cabeza. Era 22 de agosto e lía o pregón Santi Santos. Perdóesenos a apreciación, pero non mentimos se afirmamos que o susodito está xa en horas bastante baixas, ao igual que o seu grupo Los Limones, hoxe por certo, con concerto en Amboaxe para promocionar o seu novo disco.
O sábado 23, Mónica Naranjo, un dos presuntos pratos fortes das festas, reuniu a pouco máis de 2.000 persoas na praza de España, cando o aforo era para 7.000. Ao prezo de 20 euros, e descoñecendo de antemán os seguidores que arrastra habitualmente, só nos cabe dicir que foi un máis que pobre resultado.
Distinta cousa, polo que se ve, sucedeu co concerto dos oitenta, gratuíto e, seguramente, bastante máis agradecido, pois non escasea na cidade ese segmento de persoas entre algo máis dos corenta e dos cincuenta anos, e que dalgunha maneira observa esta música cun  espírito xuvenil renovado. O afamado músico e compositor ecléctico, Carlos Jean, presupomos terá público abondo asegurado. Así como asegurado o terán as orquestras estrela París de Noia e a Panorama, cos seus espectáculos de música e acrobacia.
Os máis noviños tiveron o seu momento o día 24, en –xa me dirán– estraño horario das dez e media da noite, con La bola mágica. E as persoas dunha certa idade, albízaras!, un festival de rondallas. Máis música ás noites para diversas idades (rock local, Juan Zelada, Xuso Jones..), pero, en definitiva, música e só música. Semana grande das festas de Ferrol: eventos puramente musicais.
Que nada temos en contra destes eventos polas noites –nin valoramos se son ou non os máis acertados, alén dos horarios–, mais que sucede co resto do día? A animación é só cuestión das noites? Nin pasarrúas, nin vendas na rúa, nin actuacións teatrais, nin sesións cinematográficas ou tantas outras cousas que puidesen ter cabida dentro da ‘semana grande’ das festas (antes ou despois houbo algo?).
Por iso ficamos un pouco perplexos cando o monfortino nos preguntou acerca da marcha en Ferrol. Estamos en festas en verdade?
Que festas en que case nada pola rúa nos fai sentir que o esteamos? A Peregrina en Pontevedra, o S. Martiño en Ourense, o S. Froilán en Lugo, María Pita na Coruña... vívenas con intensidade e en todo momento. En suma, que finalmente quedámonos co S. Ramón, pero coa sesión de fogos artificiais, quizá o máis xenuíno do que queren ser unhas festas que non o son.

 

QUE FESTAS?

Te puede interesar