¿Desmemoria ou desvergoña?

|

Se onte de mañá alguén desde fóra nos preguntase se chovía tiñamos a resposta fácil. Un non rotundísimo. Nin sequera habería que matizar que o ceo estaba soleado, por aquilo de que “cando chove e fai sol, anda o demo por Ferrol”. En querendo contestar, non temos outra que un si ou un non. Dicir non o sei, evadirse ou insultar de malas maneiras ó noso interlocutor ten, ineludiblemente, que levar a pensar a este que algo está a pasar. ¿Este é idiota ou quere facerme idiota a min?, tería que preguntarse. A cuestión é tan absurda que, como mínimo, o 99% dos mortais cualificaría de ilóxica calquera manifestación diferente do si ou do non. Mais todo apunta a que hai unha ínfima porcentaxe de habitantes no noso entorno que –naturalmente sen asumilo así, porque parvos de todo non son– pretenden interiorizarlle á maioría a lóxica do seu absurdo ou o absurdo da súa lóxica, que tanto ten. E abofé que lles vén dando resultados. O último exemplo foi a intervención do señor Montoro a respecto do que está transcendendo das actuacións do señor Bárcenas cando ocupou altos cargos do PP, das que ninguén di saber nada. Tampouco do protagonista: “No recuerdo cuándo fue la última vez que hablé con Bárcenas”, declarou Rajoy, cando parece probado que segue conservando despacho na rúa de Génova. ¿Non visitará nunca don Mariano esa santa casa? Non acabo de entender o porqué da ausencia presidencial de todo o conflitivo. A única razón que me vén á cabeza é que non ten absolutamente nada claro. A consigna doutrinal verdadeira non pode ser unha. Ten que ser tamén trina e, se fixer falta –que lla fai– incluso máis polivalente. E nesa polivalencia –a trindade parece que non a teñen moi definida– que quere tender á unidade leva moito tempo xogando un papel determinante o ministro Montoro. Xa o xogou nos gobernos do señor Aznar, desde o poder, e nos do señor Zapatero, desde a oposición. Memorables son as súas repetidas manifestacións de sería bo que se afundise a economía española dirixida polo PSOE porque xa estaban eles para sacala do pozo. Xa se viu e xa se ve. Saen á luz pública datos moi comprometedores –xa había os antecedentes de Naseiro que ficaron en nada– da xestión económica do PP cando Bárcenas levaba as finanzas. O máis rechamante o dos cartos cobrados, en diñeiro fraudulento para as arcas públicas –dígase en B, en negro, ... – por cargos do partido. Sobres contendo só cinco, dez ou quince mil euros mensuais, percepcións que bastante xente, xa daquela, non ingresaba nun ano. Ó goberno non lle quedaba outra saída que comparecer perante, como mínimo, a comisión correspondente. O señor Rajoy, dada a gravidade do caso, non se ía expor a facelo nun pleno. E velaí aparece don Cristóbal a petición propia. Deu a casualidade de que, aínda que vexa moi pouca televisión, puiden presenciar case en directo a, tan simple como directa, pregunta que lle fixo o deputado do PSOE do Pedro Saura, portavoz de Facenda no Congreso, acerca de se el cobrara diñeiro negro. Non lle preguntaba por outros. Só por el mesmo. Poñíallas case mellor do que llas poñían a Felipe V, o primeiro dos reis Borbóns. Faciliñas, faciliñas. Pois nin con esas. Saíu por peteneras, falando de ruindades, de lixos, de preguntas impertinentes, de consignas políticas... Co doado que, perante preguntas tan claras, é dicir si ou non. Este home –que me semella crente– non sei que lle contaría ó seu confesor cando este lle tivo que preguntar directamente polos seus tocamentos, por referirme a algo co que a min, que son da súa idade, me martirizaron na nenez adolescente. Seguro que non lle contestou ó cura: “que ruín e impertinente é vostede” nin “o meu veciño está todo o día a iso”.

¿Desmemoria ou desvergoña?