A CIDADE ENSIMESMADA CARA AO PATRIMONIO DA ETERNIDADE

Houbo un tempo no que a sociedade se rexía, como a natureza, por certa selección natural, de xeito tal que os mellores, en liñas xerais, eran os que marcaban o rumbo da sociedade e os que atinxían as súas conquistas en tódolos ámbitos. Hoxe é facilmente comprobable que se perdeu o valor da excelencia e que está gañando terreo a mediocridade na sociedade, na cultura, no traballo, na economía, na educación e, sobre todo, na política.

Hoxe España está en crise, que non chegou de súpeto, se non que é o resultado de moitos anos: os que levaron dunha nación emerxente e ilusionada a finais dos anos setenta ata o país actual onde salientan os mediocres. Un proceso que comezou co desprestixio da escola, cun sistema educativo reformado ultimamente máis dunha ducia de veces, e rematou na infumable clase política, financeira e xudicial que sofre o país, mentres que os cidadáns se dedican a consumir centos de horas de vasoira nos infames programas de certas televisións privadas e a descifrar as facturas das inicuas compañías eléctricas.

Acabamos de pasar unha triste etapa onde, baixo a dirección dun estúpido equipo de goberno en Madrid, se levou a cabo por tódalas Comunidades e Concellos un inxente malgaste público, sen contención nin previsión de futuro, que nos levou a ter a maior taxa de paro de Europa. Gastouse o diñeiro en aeroportos peonís ou en estacións de trens rápidos en plena estepa castelá, mentres en Galicia, cos cartos que viñan de Europa, se facía unha Cidade da Cultura no medio do monte, paseos fluviais nos concellos que non tiñan costa ou se levantaban faraónicos polideportivos en vilas case desérticas, en vez de dedicar ese diñeiro a medidas estruturais como a mellora de servizos e a potenciación dunha industria propia.

Mentres tanto funestos bancos e entidades financeiras, como unha vergoñenta Caixa galega, levaban a cabo a miserenta estafa das preferentes aos seus confiados clientes, ao tempo que o Banco de España e o Goberno miraban para outro lado. Por outra banda, tivo que falecer algunha persoa afectada polos casos das hipotecas e desafiuzamentos para presenciar o xesto conmovedor (por no dicir desprezable) dalgún bispo e certas asociacións de xuíces e avogados poñendo o grito no ceo, despois de moitos anos de se facer os cegos e os xordos neste tema.

Neste contexto, Ferrol, cunha histórica dependencia do Estado, atópase hoxe noutra desas periódicas crises que sufre a urbe. Cunha alta taxa de paro, en especial entre a xuventude, sen case traballo nos estaleiros, sen noticias do dique flotante, sen definir o uso das antigas instalacións de Astano, co peor trazado posible (a opción Sur) do tren a Caneliñas, sen avances no saneamento da ría, sen lograr a necesaria diversificación industrial, e co Patrimonio da Humanidade reconvertido en Patrimonio da Eternidade, Ferrol segue a ser a Cidade Ensimesmada que consentiu a construción dunha perigosa planta de gas a escasos 800 metros do seu núcleo urbano.

Non obstante, hoxe Ferrol se atopa diante “dunha conxunción planetaria que non se repetirá en moitos anos”, como diría unha señora que ninguén sabe como chegou a ministra. Neste intre Ferrol ten gobernos amigos (supoño que do alcalde) en Madrid e en Santiago, un concelleiro de Ferrol é o presidente da Deputación e o propio alcalde é o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, mesmo a Autoridade Portuaria, tan fachendosa das presuntas marabillas do porto ferrolán, semella estar nesa liña. Como remate, tan só resta que o señor Pachara, sen deixar o seu cargo de “Conceller en Cap” de Tráfico, sexa nomeado xefe de Protocolo e Boas Prácticas, para que entre no Concello a boa educación e se aprenda a recibir con elegancia ás visitas.

Ferrol foi a primeira cidade galega que dispuxo dun trazado ilustrado na urbe e dunha alameda para paseo público dos cidadáns, a igrexa de San Xulián foi a primeira obra relixiosa importante do clasicismo en Galicia e o desaparecido cemiterio de Canido foi o primeiro de carácter hixienista dentro da Ilustración. As propias instalacións do Arsenal, as obras civís e hidráulicas feitas no mesmo e os buques construídos nos seus estaleiros foron exemplos pioneiros en Europa durante moitos anos.

Xa que logo Ferrol, que parece vivir no Limbo dos Inocentes e semella estar condenada ao Inferno do Patrimonio da Eternidade, ten que deixar o Purgatorio de ser a Cidade Ensimesmada. Para iso é preciso que os ferroláns que se prezan de selo, quizais tamén esa Asociación de Amigos de Ferrol que xa existe no mundo virtual, traballen sequera un chisco para recuperar esa primacía que no seu día tivo a nosa urbe.

jjburgoa@hotmail.com

A CIDADE ENSIMESMADA CARA AO PATRIMONIO DA ETERNIDADE

Te puede interesar