Xaque á inmundicia

Como inaudita é de tachar a actitude dispensada en sede parlamentaria polo Presidente do Goberno á pregunta sobre corrupción cursada durante a sesión de control ao Goberno por parte do secretario xeral de Podemos, na que instaba pasar das palabras aos feitos para facer fronte a esta secuela, tendo en conta que máis que recibir unha contestación acorde, foi despachado polo xefe do Executivo cun alarde de desvergoña, cando nun intento de esquivar a súa propia complicidade na infesta non dubidou en apuntar cara ao “radicalismo político” do partido morado como impedimento de rexeneración.
Para conformar xuízo de valor sobre tan insidiosa aseveración, cabe lembrar que fai xusto oito anos cando o caso Gürtel acababa de arrincar, Rajoy, por aquel entón xefe da oposición, elixindo o contraataque como defensa, non dubidou en saír á palestra e denunciar sen reparo a existencia dunha conspiración da fiscalía contra a súa organización, afirmando a través dun desatinado disparate que aquilo “non era unha trama do PP, senón unha trama contra o PP”.
Representación de victimismo que a xulgar do devir das probas procesuais, non só non se sostivo, senón que veu demostrar que o seu autor mentía máis que falaba, sendo máis grave se cadra, que aínda agora e a pesar da nitidez do expresivo retrato da corrupción do seu Partido, argüindo falta de “concreción”, a súa organización insista en pedir a nulidade do actuado, ou no seu caso ser excluido do xuízo. 
É por iso que ante tal nivel de anacronismo non caiba outorgarlle ao máximo mandatario dos populares autoridade algunha no seu afán de exercente ilustrativo, porque a corrupción se combate procedendo con feitos e actitudes responsables, que nunca exercendo de encubridor político nin actuando como dirixente dun partido corroido pola perversión, nin moito menos con estrañas formas de “colaborar coa xustiza”, que como ocorreu na rúa Génova, para a consecución de probas, o xuíz, houbo de chegar ao extremo de ordenar o rexistro da sede central utilizando a modalidade imperativa requirimento xudicial.
Non sendo de recibo xa que logo, que o mandamáis dos conservadores tome á lixeira a situación e teña a ousadía de cualificar o grave problema da corrupción como unha “anécdota”, aínda sabendo que o seu, é o primeiro partido imputado na democracia, e que por tanto, máis alá do resultado que lle deparasen as urnas, o mero feito de tal imputación, convértelle nun referente político totalmente desacreditado e de nula fiabilidade para reaccionar en emenda, unha situación que pola súa complexidade desautorízalle de plano no seu intento de abandeirar a loita contra a corrupción, pois a súa condición de responsable «a título lucrativo» pon de manifesto que o seu partido obtivo beneficiosdas a través de malas artes, extremo este que en consecuencia debe limitar a súa intervención nesa materia.
A corrupción hase de combater esencialmente con medidas lexislativas, xudiciais e penais, cuxa eficacia resultará cuestionable cando a través dalgún carreiro legal os autores das perfidias, non só quedan impunes, senón que se lle facilita o aliciente de non devolver o indebidamente apropiado, sendo por iso que en tanto a xudicatura e os órganos de supervisión do Estado non se desvinculen da inaceptable intromisión política nas súas funcións, procedendo acorde ás pautas de rigor e uniformidade que a situación require, non só será imposible erradicar a corrupción senón que a continuidade do dominio político seguirá a propiciar a súa proliferación.
Para ese efecto, é de precisar que o Partido Popular pola súa dobre condición de autor e promotor da corrupción, a mesma, é parte intrínseca das súas propias entrañas e da súa forma de gobernar, un sinal de identidade que por nociva failles incapaces de afrontar con solvencia a súa superación e a rexeneración democrática que demanda a complexa situación política do país, unha limitación á que engadindo a figura dun Rajoy sempre presente acentúa aínda máis a dificultade ao conducirnos a un canellón sen saída e situarnos en posición de “emerxencia democrática”
É por iso que ante o espectáculo de precariedade dun Executivo acurralado no Congreso polo inadecuado proceder dos seus propios actos , a total perda de credibilidade do seu Presidente , sumado á decadente situación socio económica e o ascendente nivel de alarma social como consecuencia de actitudes indebidas, coa corrupción como común denominador, o paso correcto debe estar dirixido a emendar a deficiente situación co desafío posto en afianzar o Estado de Dereito como pedra angular de rexeneración da vida pública.
Un labor que debe ser afrontado por xente integra, que nunca, por quen institucionalizou a corrupción coas súas turbias prácticas políticas, sobrando dicir por tanto, que non é Rajoy nin os membros da súa cuadrilla os apropiados para facer fronte ao cambio que a situación require, por non ser de recibo que os que teñen no seu haber o historial máis arrevesado da corrupción eríxanse agora en redentores, máxime cando estamos a falar dos mesmos que se negan a recoñecer as súas propias impudicias.

Xaque á inmundicia

Te puede interesar