O principio de Peter e Navantia

O principio de Peter afirma que, “nunha organización xerarquizada todo empregado tende a medrar ata o seu nivel de incompetencia”. Quere dicir que cando un empregado non ascende máis é porque acadou un nivel no que xa non cumpre ben o seu traballo. En roman paladín: Dalgún xeito estamos gobernados por incompetentes. Isto é aplicable a calquera organización empezando polo Goberno. Este principio foi formulado polo catedrático de ciencias da educación da universidade do sur de California Laurence J. Peter no seu libro The Peter Principle en 1969, anque xa no ano 1910 dicía José Ortega e Gasset en España: “Todos los empleados públicos deberían descender a su grado inmediato inferior, porque han sido ascendidos hasta volverse incompetentes”.
Agora quérome centrar no que está a pasar en Navantia, antes Izar e antes Bazán, e concretamente na Xerencia en Madrid. Paréceme a min, e non son o único que pensa así, que alí hai máis de un incompetente, ademais de enchufados e indocumentados que pouco ou nada teñen que ver coa construción naval; ás probas me remito. Cantos deles saben situar Ferrol e o seu estaleiro no mapa de España? Se por riba andan a remexer políticos e economistas, ¡que Deus nos colla confesados!
Xa se oen voces que piden a descentralización de Navantia. En Madrid abondaría cunha oficina de representación con obrigas moi definidas encamiñadas a acadar novos contratos. Da xestión e execución dos traballos xa se encargan os estaleiros que están sobradamente cualificados para elo. Aí tedes as Fragatas F-100 e o “Juan Carlos I” por poñer dous exemplos das últimas construcións.
As últimas noticias falan de derivar parte do traballo do flotel, esa entelequia, a Cádiz, como si Ferrol estivera boiante de contratos. Trátase claramente dunha decisión política do PP, acordada unilateralmente en Madrid polos políticos, que só pensan nos votos.     
Non lle vexo vantaxe ningunha, por máis que trate de xustificar o presidente da SEPI. Festa do PP en Cádiz e indignación xeral en Ferrol, unha vez máis.
Quousque tandem abutere, Catilina, patientia nostra?

O principio de Peter e Navantia

Te puede interesar