Hai corenta anos pasados que para a materia denominada Literatura Hispanoamericana, do quinto e derradeiro ano da licenciatura, o profesor responsable da mesma esixía a elaboración de dous traballos sobre algunha das obras de lectura obrigatoria. Recordo perfectamente que gustaba pouco, case diría nada, de ter que facer traballos de curso, non polo feito en si, que atopaba moi formativo e necesario, que había que entregar escritos a máquina, como era este caso. Era un auténtico manta, que gastaba infinidade daqueles papeles correctores dos múltiples erros que cometía. En ocasións non me quedou outra que botar man de compañeiros amigos dispostos a perder o seu tempo en mecanografar os meus borranchos a man, que esa era outra. E facíano gratis et amore, ou, se cadra, a cambio dun café ou similar nin sequera pactado. O profesor Viña Liste –logo colega e amigo– conservaba os traballos mellor calificados de cada obra ano tras ano. É por iso que eu conservo os dous que tivera que presentarlle. Con ocasión da mudanza da Facultade da Praza de Mazarelos para o chamado campus norte, na zona de Vite, e porque xa non impartía esa materia, decidiu desfacerse dos traballos que tiña acumulado e que mellor que ofrecérllelos ós vellos alumnos que podía localizar. É posible que no meu caso tivesen pasado ó redor de vinte anos. Nun dos traballos comentara “La isla a mediodía”, un dos contos de Todos los fuegos el fuego (1966), de Julio Cortázar. No outro unha das novelas sobre o campo arxentino de Ricardo Güiraldes: Don Segundo Sombra (1926). Non teño a man os traballos e non me acorda o título do que versa sobre o conto de Cortázar, mais si do que o fai sobre a novela de Güiraldes: “Don Segundo Sombra: una historia de determinismo”. Ficoume nun recanto da memoria por diferentes motivos, non precisamente polo nove con cinco co que fora cualificado. Non sei se podía ser por unha causa inmediata ou se por acontecementos máis xerais, o caso é que por ese tempo, primeiros anos setenta, debía andar eu ocupado en estudos de determinismo social de todo tipo, con cuestións de carácter relixioso e marxista polo medio. Nos días que corren estou constantemente batendo con informacións do máis variado que, sen decilo abertamente, teñen como único obxectivo “convencer”, vía amedentramento, a xente do suposto e falso perigo que suporía para ela e os seus o triunfo electoral de formacións políticas convencidas de que o sistema morreu e que, consecuentemente, se fan precisos profundos cambios estruturais. O sistema, por moitos lavados de cara, tal como está concebido nunca vai acabar cos graves problemas que afectan á sociedade europea na que “vivimos”, e padecemos. Nunca os ladróns van acabar cos roubos, nin os corruptos coa corrupción, nin as organizacións empresariais co paro e os baixos salarios, nin... Por aí nunca chegaremos a ningures. Acaba de empezar o ano e a ninguén do goberno lle caíu aínda a cara de vergoña pola subida do salario mínimo ou das pensións, pola enésima conxelación do soldo dos funcionarios... Terán que estaren agradecidos porque non llelo baixen? Esta parece ser a última consigna que ese persoal, tan cristián el, quere que a xente emita: “Virgencita, que me quede como estoy!”. E por suposto que ninguén preste ouvidos ó que está acontecendo en Grecia. As próximas semanas os gregos vanse ver sometidos a un bombardeo terrorífico para que non voten por Syriza. Pero a quen van votar? Máis unha vez ós que levan anos e anos roubándolles os diñeiros e a vida? A xente ten un aquel de masoquismo, pero tanto? Polos nosos lares chámanlles populistas, radicais de esquerdas e outras lindezas e simplicidades. Canta xente de entre nós sabe, por exemplo, que o Partido Comunista grego, aínda con certo peso, non está en Syriza nin por Syriza? Como lles chamarán os nosos políticos e informadores a soldo a esa organización e a esa militancia? Se tódolos demos están en Syriza terán que inventar algunha palabra. E por aquí xa vemos tamén o que nos pode tocar. Vin o Alexis Tsipras na Coruña, nun mitin das europeas organizado por AGE, e abofé que o seu suposto radicalismo non me asustou para nada. Case diría o contrario. Pero o que se sae das pretensas determinacións...