Brasil no abismo

prestixiado sociólogo portugués Boaventura de Sousa Santos escribía, nun recente artigo: “o governo brasileiro caiu no abismo do absurdo, na banalização total do insulto e da agressão, no atropelo primário às regras mínimas de convivência democrática, para já não falar das leis e da Constituição, na destilação do ódio e da negatividade como única arma política. Todos os dias somos bombardeados com notícias e comentários que parecem vir de uma cloaca ideológica que acumulou ranço e decomposição durante anos ou séculos”. Son palabras duras, mais lóxicas dada a situación pola que atravesa o país, nun texto onde asemade critica a falta dunha resposta máis forte por parte das forzas democráticas do Brasil e da sociedade civil. 
Como exemplo do que acontece no Brasil temos as declaracións da ministra da muller, Damares Alves, pastora evanxélica. Esta afirmou que as nenas na illa da Marajó, no estado de Pará, eran violadas porque non levaban roupa interior, como escusa para un delito repugnante. Dando como solución a doazón destas prendas, dado que elas son moi pobres para as mercar. Esta análise, e a solución que propón unha membro do executivo de Jair Bolsonaro, caracteriza á nova dereita do Brasil; e do mundo. 
O máis grave é que, a esta declaración desprezábel hai que sumar as que constantemente realizan outros ministros e Bolsonaro. E, sobre todo, que estas opinións teñen logo consecuencias sociais, económicas e democráticas, todas elas negativas. Como a condena a Lula da Silva malia a falta de probas e a utilización dunha trama de conspiración. Ou a liquidación de empresas públicas, en beneficio das corporacións privadas, como xa fixo con 12 aeroportos e parte da petroleira Petrobras. E o reparto de cargos do Goberno entre familiares e amigos, vexase o nomeamento dun dos fillos do presidente como embaixador nos Estados Unidos, e o total seguimento do país respecto das decisións de Washington, o apoio a Israel, e o agradecemento de Trump. 
Estes sucesos, antes condenados universalmente, grazas á fortaleza da esquerda tanto en militancia como pola súa incidencia, malia existir un mundo dividido en bloques, hoxe conta co arroupe ou cando menos a consentimento do presidente da maior potencia do mundo e de non poucas nacións poderosas, mesmo que exista confrontación entre elas. É un tema sobre o que pensar. Non será que os avances nos dereitos individuais para ser reais (e para todos/as) deben estar ligados coa xustiza social, democracia e soberanía? Cando menos no Brasil semella que é así. 

Brasil no abismo

Te puede interesar