DANIEL

Meu querido Daniel: Denantes de que naceras andei dándolle voltas a coma sería a sensación de ser avó, ansiando vivila directamente e non polasopinións doutros  que xa pasaran por esa situación, un sentimento, segundo din, difícil de explicar.  Todos dicíanme: hai que vivilo, espera e verás! E o tempo foi pasando paseniño mentres as follas do calendario ían caendo unha a unha e a ansiedade crecía con desmesura esperando a túa desexadaaparición.  Pagou a pena esperar, compensou con creces a intranquilidade vivida namentres agardabamos atúa chegada, contando os meses, os días e as horas que se nos facían interminables, como a vixilia nocturna que fixemos os teus catro avós no hospital pendentes minuto a minuto das contraccións, das dilatacións e de todos os prolegómenos previos ao teu nacemento. Éramos coma catro tolos facendo cábalas e botando contas logo de cada visita que nos facía a comadroa na sala de espera. Ata que por fin chegastes desbordando definitivamente as nosas emocións diante dese milagre de verte, de sentirte e de tocarte, de saber que es prolongación da nosa existencia e que a través de ti nos proxectamos no tempo. Queriámoste  moito namentres te esperábamos: imaxínate agora que xa estás aquí.
Agora, cando estas no meu colo, non podo deixar de pensar na sorte que tivestes ao nacer aquí, onde malia as dificultades inherentes aos tempos que corren, nada che vai faltar. As inxustizas que no mundo son arremeten contra outros nenos que por nacer noutros lugares pasarán fame, frío e en moitos casos non poderán sobrevivir. Son nenos coma ti Daniel, que senten coma ti, aos que, incomprensiblemente, non lles permitiremos ser felices.
Dentro da inmensa ledicia que me invade pola túa presenza na vida, na miña vida, tan so teño unha preocupación que ten que ver co mundo que poñemos a túa disposición, co mundo que che ofrecemos, que malia  non ser coma ese onde outros nenos carecen das necesidades mais básicas, tampouco éche ningunha marabilla porque nos empeñamos en esnaquízalo cos egoísmos, coa falta de respecto cara aos demais, con corrupcións, violencia, prevaricacións, insolidariedades  e con outras lindezas impropias dun mundo que chamamos civilizado. Nós, malia intentalo, quizais non podamos cambiar o rumbo das cousas para que sexan mellor do que son, pero quizais ti, e todos os nenos e nenas coma ti, si que  o poderedes facer  nun futuro.
Outra das cousas as que lle estou dando voltas é o papel que podo xogar eu na túa vida. Din que os avós están para consentir, para mal educar ao netos, que a educación pertence aos pais.  Non o creas Daniel, isto forma parte da lenda. Eu, coma podes supor, desexo o mellor para ti e poñerei  grande empeño en colaborar en todo o que poda cos teus pais para que sexas un home de ben, unha boa persoa que é o primeiro a que debe aspirar todo ser humano. Pouco a pouco xa o irás aprendendo e eu, na medida das miñas posibilidades, tratarei de non defraudarte nesta tarefa.
Namentres todo isto vai sucedendo quero verte crecer feliz xunto a toda a familia porque na medida en que ti sexas feliz eu tamén o serei. Quero dicirche que podes contar comigo para todo, que me terás ao teu carón sempre, que ímolo pasar moi ben xuntos e que te quero, coma lles dicía outrora ao teu pai e tíos, coma de aquí ao ceo ida e volta infinitas veces. Ou máis, Daniel.

 

DANIEL

Te puede interesar