IMOS AO CARIBE

Non hai tanto tempo que a Xunta chegou a un acordo con entidades bancarias e promotores para dar saída ao pesado stock de vivendas que lastra o sistema monetario galego e español.

Máis alá das boas intencións e da creación de bolsas, sociedades e letra pequena para meteren no mercado inmobiliario os anteditos inmobles, un dos asistentes, en representación dos contratistas, pedía ao Goberno galego que dese máis solo para construír uns miles de vivendas e crear unha chea de postos de traballo. Esta xente non aprende e se repiten máis que a radiofórmula.

Piscifactorías, enerxía eólica, polígonos industriais, empresariais e, como non, urbanizacións… a mesma cadea de produción que hai seis ou vinte anos, pero agora con coche eléctrico, que de momento, só se ve polos campos de golf, onde os bancos son maioría por aquilo de que teñen máis solo que casas a vender.

Na época na que a xente deixou de falar en moedas para comezar a expresarse en miles de euros, moito antes de saber da prima de risco e dos seus amoríos, un home, emigrante retornado das américas, aínda que máis que aventureiro da procura de fortuna en terras estrañas era turista perenne do Caribe, porque os galaicos foron os que inventaron as vacacións nas indias occidentais, descubriu que era multimillonario cando recibiu unha oferta por unha terra da súa propiedade, da cal pensaba na súa mociedade, cando deixou os riles nela, que non tiña nin prezo nin valor ningún.

O caso é que este ser galaico asinou a venda e ingresou na súa conta bancaria os miles de euros que cobrou por aquel mal recordo telúrico da súa mocidade.

Pasaron os meses e, pouco afeito ás inclemenzas do tempo de por aquí, botou contas e entre paga non contributiva que a Xunta lle concedeu e beneficios da venda da parcela, dividido entre os supostos anos de vida que lle quedaban coa varibale do incremento do paxe da compra –o da cesta non era cantidade para el– chegou á conclusión de que aquí simplemente viviría, pero no país caribeño, a súa nación, como el mesmo dicía, sería un rei,un magnate un propietario riquísmo. Aos poucos días xa estaba rumbo ao paraíso.

Como aquí non houbo unha verdadeira revolución industrial, pasamos da economía baseada no sector primario á de servicios nun abrir e cerrar de ollos. De pobres a multimillonarios propietarios do que antes se chamaban labradíos e montes e agora se denominan parcelas. Antes do boom inmobiliario que tiña un terra aprobeitaba as subvenciósn para poñer un invernadoiro ou unha granxa de visións.

Nin unha actividade nin a outra daban beneficio para ir de turista ao Caribe, pero unha venda inmobiliaria até garantía a compra dun monovolume para transitar polas country roads, as correidras, felices e despreocupados da actividade do Banco Central das europas unidas. Os galaicos acabarán descubrindo os turismo en África.

IMOS AO CARIBE

Te puede interesar