De ausencias e viaxes

As viaxes teñen a cualidade da sorpresa, a lene suxerencia do inesperado e coas pingas do exotismo daquelo que descoñeces, que provoca a sensación de entrar no diferente. Tentamos entender por que son como son e por que fan o que fan. Nas viaxes, todo semella máis fermoso e máis azul,e nada é imposíbel. O espíritu voa libre e positivo e amencemos cunha carga extra de enerxía, xenerada pola emotividade daquelo que ainda está por descubrir.  
Camiñas máis, soportas mellor a choiva inoportuna e reflexionas con maior fluidez, eliminando as trabas cotiás, para ser quen de ver, recrear, entender e valorar espazos e propostas. Levamos sempre a mellor das intencións, pero non sempre nos devolven os mellores sorrisos. Ás veces viaxar ten unhas notas de fuxida. De desconexión coas realidades monótonas das crises, os enfrontamentos populistas e as ameazas varias a escala mundial... pero sempre activan os xenes da aventura, o afán por coñecer e descubrir seguindo os modelos cláasicos. Nas viaxes levamos todo o noso ás costas. O que somos, o que fomos e a frustración do que nunca chegaremos a ser, forma parte desa rede do ADN que se move con nós, vaiamos onde vaiamos. 
Tamén descubrimos que non somos tan diferentes nas cousas esenciais. O único que non logran as viaxes é minorizar as feridas da distancia. Non podo evitar sentirte con nostalxia, nin pensarte doutro modo mais light acaso e moito menos reducir os sentimentos aplicando o teorema do ollos que non ven... Sempre voltar é a mellor mediciña. Encherse de reencontro e sorprenderse eliminando os agravios da ausencia, navegando nos mares dos seus ollos... Voltar sempre foi o mellor das viaxes.

De ausencias e viaxes

Te puede interesar