Cumpríronse oitenta anos da morte de Federico García Lorca, asasinato que tivo e ten unha grande repercusión por mor da importancia cultural do grande poeta andaluz. E nembargante, non é senón que un máis, dos moitos mortos que aínda quedan semeados polas beiras dos camiños, eliminados porque había que suprimir todo o que significase cultura, xa que os cerebros planificadores sabían que a cultura é un primeiro paso cara á liberdade. Lembremos aquela frase de: “Sede cultos para serdes libres”. E a o PODER interésalle un pobo inculto, pois é máis fácil de manexar. Actualmente, o sistema non é tan expeditivo, mais é igualmente eficaz, copiado, corrixido e mellorado daquel “Pan e circo” dos romanos. Agora o deporte, concibido para fortalecer o corpo, é empregado para ocupar os miolos dunha parte da maioría, pois que da outra parte encárganse os medios, fabricando unha cultura de “telenovela”, para que non se fale de inxustiza social, de paro e de corrupción. Por exemplo.