Presenzas cervantinas

Perante tres días a presenza de Cervantes estivo presente na nosa cidade grazas ao XIX curso Carlos Gurméndez de pensamento e comunicación organizado polo Club de Prensa, dezanove anos que consolidan unha actividade que ven de ser unha referencia en canto aos proxectos culturais que teñen lugar na cidade. Tres días de relatorios e debates en torno a temas de interese e que este ano, coincidindo co catrocentos aniversario do pasamento de Cervantes, tivo a este, ás súas presenzas e azarosa vida, como argumento principal do mesmo, unha vida tan mergullada na aventura, en tantos avatares, que daría para moitas máis entregas. Cunha inscrición de máis de oitenta solicitudes, o primeiro obxectivo estaba cumprido, coa participación de tan cualificados poñentes a calidade garantida e coa dirección de Alberto Sucasas e a coordinación de Esperanza Piñeiro a consolidación máis que afianzada. Preparar e argumentar un curso así non che é cousa calquera e deles é o mérito.
De Cervantes, cando estudabamos no Instituto, pouco sabíamos agás que nacera en Alcalá de Henares, que quedara inútil do seu brazo esquerdo por ter participado na batalla naval de Lepanto e que ademais do Quixote escribira algunhas novelas exemplares, pero non sabíamos da súa azarosa e aventureira vida chea de vivencias que influíron sen dúbida na súa creación literaria en xeral e na súa obra cumio, O Quixote, en particular. De todo isto falouse estes tres días, e todos os que asistimos ao curso saímos convencidos que dun personaxe así, posuidor de incuestionable talento literario, tiña que saír una obra así con todo o que hoxe significa e da que Cervantes nunca chegou a imaxinar a repercusión que acadaría non so na literatura española senón tamén na universal.
Intereseime na vida de Cervantes a través dun libro titulado “Cervantes visto por un historiador” de  Manuel Fernández Álvarez, din que un dos seus mellores biógrafos. Con el descubrín a Cervantes poeta e dramaturgo, ao Cervantes soldado, coñecín a súa familia e aos avatares que deron forma a unha vida autenticamente escachizada que se foi cargando de desventuras ao mesmo tempo que Cervantes se cargaba de anos, e tiven oportunidade de cotexar estas opinións coas que se expuñan no curso, algunha non coincidentes coas expostas por Manuel Fernández como a dunha profesora situando a Cervantes  na súa última etapa coma un privilexiado que percibía unha achega mensual equivalente a máis de tres mil euros cando na biografía á que fago referencia dise con documentación que Cervantes morreu case pobre de solemnidade ata o punto que, malia ser profundamente crente, só puido mandar no seu testamento que se dixeran dúas misas pola súa alma ( sic). Eu quedo con esta versión, coa do historiador que pescuda utilizando metodoloxía científica e achegando razóns documentadas. Un curso que se prece, amigos e amigas, ten que ser así: proclive ao debate, á confrontación de ideas onde un pode chegar cunha opinión preconcibida e saír con outra. De non ser así, todos de acordo,  non tería sentido. Como puido crear Cervantes a súa obra no medio de tanta precariedade, de tanta pobreza e adversidade? No curso quedaron patentes algunhas claves para chegar a entendelo e penso que todos saímos de aí cunha imaxe máis clara de como se desenvolvía a vida na España do século XVI e de como aflorou a xenialidade de Cervantes dentro dese contexto. Dende a miña condición de asistente ao curso, felicito a todos o que o fixeron posible.
 

Presenzas cervantinas

Te puede interesar