Tomo prestadas as verbas de Machado agora que pasaron estas festas marcadas pola tradición nas que as familias reúnense ao abeiro dunha mesa sempre coa boa intención de pasar unha velada o máis agradable posible e manifestar os mellores desexos para o ano que comeza. Pasan as festas e quedan os desexos. Queda tamén a nostalxia por aqueles que non están, e en moitos fogares resérvase un sitio na mesa na acordanza dos ausentes. Pero as estatísticas, que as veces dan no cravo, manifestan que son precisamente estas datas as máis propicias para as liortas familiares, aínda que isto pareza mentira. Se un o pensa detidamente, verá que estas previsións non van descamiñadas, pois nesa xuntanza coinciden persoas que hai tempo que non se ven e andan con desexos de cambiar impresións sobre cousas que afectan ás familias. Por exemplo: aqueles que habitualmente están aos coidados dos pais ou dos velliños do clan, escoitan opinións e consellos daqueles que non están no día a día e axiña chegan os reproches que van “in crescendo” ao ritmo no que aumenta o consumo de alcohol propio destas datas. En fin, que unha xuntanza chea de ledicia e de bos desexos, pode rematar nunha batalla campal sen parangón. Hai exemplos para dar e tomar. Pero estas datas pasan e nós quedamos. Quedamos coa mochila chea de bos desexos, que polo miúdo son arelas dun día. ¡Bo Nadal e feliz ano!. Ben, grazas, e despois que?. Logo renacen os egoísmos persoais, o quita de aquí para poñerme eu, a ausencia absoluta de solidariedade, etc. É a mostra palpábel do malvado fariseísmo que tanto impera nesta sociedade enferma.
Pero eu non quixera permanecer neste lado impío do Nadal. Agora que pasou, prefiro quedarme coa parte deleitosa da festa, coa ausencia de acritude, con ese apartado que ten coma eixo central o retorno daqueles que, perante a maior parte do ano, están ausentes. Isto foi o que aconteceu no meu caso cando o mesmo día da noite boa, dende a ventá, vin chegar o coche da miña filla e a ela apeándose cunha mochila ás costas. De súpeto veu a miña mente aquel feiticeiro anuncio na televisión que dicía aquilo de: “vuelve, a casa vuelve, por navidad....”.É curioso: a miña filla volveu a casa noutras datas pero a sensación é distinta. A emoción experimentada é difícil de explicar. Ter aos fillos xuntos baixo das ás, no niño por uns días, provoca un sentimento do que só poden falar aqueles que viven ese momento, unha sensación acrecentada precisamente nestas datas, quizais porque foi algo que ven dos nosos devanceiros e que mamamos dende nenos, manténdose no tempo ao marxe das connotacións relixiosas. Pero non hai dicha que mil anos dure, e nun abrir e pechar de ollos xa ves a túa filla subíndose ao coche para retornar ao seu habitual lugar de residencia. A un tempo de ledicia achégase outro de certo desasosego, pero é normal que os fillos voen. Marchan, e deixan na casa un baleiro imposible de ocupar, pero eles saben que sempre poden volver e que aquí nos teñen para todo o que precisen. En resumo: para min o mellor agasallo de Nadal é que eles veñan e gozar da súa compaña por estes días.
Nestes tempos incertos, con políticas incertas, nada temos asegurado, así que diante dos próximos recortes, fago miñas aquelas verbas que dicían: “ ¡virgencita, que me quede como estoy!”.Pois iso.