A formación de Goberno semella que está a se converter nunha comedia, na que os protagonistas fan o que lles peta, exercendo os seus dereitos, mais non admitindo os seus deberes, o que xa non parece moi correcto. Eis o caso de don Mariano que, como gañador das eleccións tiña o deber de intentar formar Goberno pero, exercendo o seu dereito, díxolle que non a El Rei. Ademais, exerceu o seu dereito para non apoiar o goberno do PSOE e para non admitir o control Parlamentario, todo iso sen deixar de reclamar o seu dereito a gobernar, por ter gañado as eleccións. Despois de gañar por segunda vez, seica recoñeceu o seu deber de intentar a investidura e aceptou o encargo do Xefe do Estado, mais agora, sempre dentro do seu dereito, albíscase a posibilidade de non presentarse á investidura, se o PSOE non o apoia. Compre saber se entre os dereitos do señor Rajoy, está o de dicirlles aos outros o que teñen que facer e, se el non terá tamén deberes que cumprir.