Os políticos son maos xestores

|

Estas foron as declaracións dun dirixente conservador a un xornal hai uns días. Non é a primeira vez que escoito este tipo de afirmacións, que mesmo comparte a socialdemocracia liberal, aínda que a este cualificativo sóbralle a primeira parte (ao meu entender). Se collemos ao pe da letra estas declaracións debemos considerar que as persoas que se presentan para un cargo público, para alén dos discursos e dos actos institucionais, son incapaces de executar un proxecto. Amosaría que os/as militantes que concorren ás eleccións son, normalmente, os menos válidos, e que isto se recoñeza polos propios implicados indicaría un inmenso desleixo ou cinismo.
Debullemos un chisco máis o tema. Se as persoas que se presentan para cargos políticos normalmente non son válidas para dirixir unha empresa, entón, ¿todos/as as que son contratadas posteriormente por estas sociedades débeno ser máis polas súas relacións políticas que polo seu aporte profesional? Se fose así amosaría a existencia dunha corrupción política moi estendida.
Tamén indicaría que aqueles que ocupan cargos públicos, e antes o fixeron na empresa privada, ao chegar ao goberno perden toda capacidade de dirección empresarial. Calquera pode ollar que este tipo de opinións non se sosteñen, que carecen de rigorosidade.
Na práctica, en todos os partidos políticos hai persoas con capacidade técnica ou aptitudes de dirección, e outras que carecen delas; trátase polo tanto de escoller aquelas que son as máis acaidas para cada función.
Por outra banda, dicir hoxe que as empresas privadas están mellor xestionadas que as públicas dá risa, cando se analiza o acontecido coa crise e o seu desenvolvemento.
A especulación financeira e a burbulla inmobiliaria xurdiron na actividade privada, a débeda exterior privada triplicaba á pública cando se iniciou a crise, e aínda hoxe a débeda pública é moi inferior á privada, malia a salvataxe con cartos públicos do sector financeiro e a queda dos ingresos fiscais por mor dos mil mecanismos de evasión de impostos. En resumo, detrás desta afirmación sen fundamento só se agocha a cobiza de tirar lucro privado da xestión da actividade pública.

Os políticos son maos xestores