Cataláns en Mugardos

Andaba eu tratando de ordenar os meus papeis cando din cun libriño que hai tempo tiña medio perdido na miña biblioteca. Trátase dun pequeno traballo de Antonio Meijide Pardo no que aborda a penetración de cataláns na miña vila e que propiciou a implantación dunha industria pesqueira que, lamentablemente, non tivo continuidade no tempo. Volvín lelo dun tirón.
No século XVIII Mugardos era un pequeno porto pesqueiro que tiña pouco máis de un cento de veciños, case todos dependendo das labras do mar e moi poucos das do campo. Estaba baixo a xurisdición do Mosteiro de Monte Faro, cuxo prior tiña a potestade de nomear alcalde e os veciños de entregarlle a aquel os froitos do seu traballo: mariñeiros e labregos sempre tiñan débeda pendente co mosteiro de santa Catalina. Ambos gremios proferiron soadas protestas polo abuso a que estaban sometidos polas autoridades eclesiásticas. En 1770, dun censo de 111 habitantes, 45 eran mareantes e había 10 embarcacións: un patache de dous paus que levaba madeira ás reais obras da Graña e outros fretaxes a Ferrol e nove lanchas dedicadas á traíña (sistema de pesca con rede) da sardiña, entón moi arraigada na vila. No ano 1770 comeza un fluxo de cataláns e dez anos despois o censo vese incrementado ata chegar aos 400 habitantes. Esta xente viña coa intención de sacarlle partido aos froitos que ofrecía a mar e organizar a actividade pesqueira de xeito que se convertera en industria. E puxéronse a elo. Comeza en Mugardos unha importante actividade pesqueiro-mercantil comandada por estes emprendedores inmigrantes que deixan un feixe de apelidos cataláns que aínda hoxe prevalecen na vila. Aí están os Plana, Bujones (Bujons), Gelpi,  Badía, Pascual, Cartelle, Domenech, Ferrer etc. Dende as fábricas de salazón exportábanse sardiñas manufacturadas practicamente a todos os lugares de España, e Mugardos crecía e prosperaba.
Había unha práctica de fomento crediticio de adiñeirados cataláns que facilitaban préstamos aos pescadores e tamén a particulares con intereses baratos. Así, o diñeiro movíase pola vila propiciando unha calidade de vida ata entón descoñecida polos veciños. Abundaban os adeptos ao sistema liberal, o que propiciou, en máis dunha ocasión, represión por non comungar coas teses absolutistas. Mugardos, a mediados do século XVIII, era o porto pesqueiro máis importante da ría na pesca da sardiña e o máis relevante do norte de Galicia na captura do polbo. Pero entre 1815 e 1830 sobrevén un tempo de crise e a industria entra nun estado de abatemento notable, sobe o prezo do sal, as cargas e tributos afogan as empresas e pechan algunhas industrias, o que ocasiona o retorno de moitos cataláns a súa terra. A que lles soa todo isto?
A partires dese momento, Mugardos entra en recesión e as cousas xa non son o mesmo ao virse abaixo o tecido empresarial. Retórnase á pesca individualizada e a xente do mar volve vivir en precario, como denantes de aparecer por aquí os cataláns que viñeron, si, a facer negocio, a non dar pesos a catro pesetas, pero non cabe dúbida que coa súa organización fixeron da pesca unha actividade rendible. Eles marcharon, pero deixaron en Mugardos unha pegada palpábel que prevaleceu ata os nosos días, reflectida neses apelidos que portan hoxe moitos veciños e veciñas da vila.  Aquela experiencia foi o preámbulo do que puido ser e non foi. Si.

Cataláns en Mugardos

Te puede interesar