Remata o ano 2019 e entramos no 2020. Un ano máis quero felicitarvos a todos. A tódolos homes, e mulleres, de boa vontade que afortunadamente hai moitos no mundo,. Meus mellores desexos para familiares, amigos e inimigos, se algún destes teño por aí. Un ano novo é como un libro en branco que día a día, mes a mes irá enchéndose de contido, ás veces con cousas boas e outras non tan boas, pero non queda outro remedio que conformarse co que veña.
Do mesmo xeito que nos teremos que conformar con este goberno co que nos ameaza o Sr Sánchez. Non se entende moi ben que nos tempos que estamos a vivir, a ambición desmedida dun só home poda levalo a gobernar en contra da vontade dun país enteiro.
Algo está a fallar nas leis, estou convencido de que, hoxe en día, a pesares de haber gañado as eleccións xerais dúas veces, nun hipotético, e ata penso que necesario referendo, Don Pedro non acadaría a súa investidura como presidente do goberno. Mesmo os seareiros do PSOE, o seu partido, están fartos das súas manipulacións, contradicións, acordos e desacordos dos que, si Deus non o remedia, sairá un goberno que alguén dou en chamar Frankestein.
Unha trangallada de partidos, socialistas, podemitas, independentistas, radicais..., todo un abano de ideais, que ten os días contados, incluso antes de que chegue a entrar en funcións. Por si todo isto fora pouco, para máis inri, as novas de última hora din que a chave da gobernabilidade está nas mans dun independentista, convicto e confeso, actualmente na cadea por rebelión contra o estado de dereito. O que sexa soará, e moito, neste novo ano 2020.
Despois desta breve digresión en voz alta e rouca, sigo coa miña primeira intención neste apunte, o último do ano 2019, así que como di a tradición, ¡Feliz saída do ano vello e feliz entrada no aninovo!, xunto cunha forte aperta.