Puntos de vista

|

Ao pé da vivenda na que moro hai un amplo café no que se poden ler, se a memoria non me engana, unha ducia de xornais diarios, dos que, a maiores, hai máis dun exemplar. Por lectura que non sexa. É lugar que frecuento, ademais de para ler, para ver partidos retransmitidos nos canais de pago, e teño reparado en que a inmensa maioría da xente que colle a prensa ten xa certa idade, á par de que a xente nova consome entretida noutros mesteres, nomeadamente o móbil. Dese tema da lectura de prensa escrita por parte da xente nova falaba hai pouco cun amigo próximo dos corenta. Recoñecíame que el e as súas amizades nunca tiveran o costume de almorzar lendo un diario, como fixera toda a vida a xente coma min. As lecturas que facían da prensa eran cibernéticas, mentres que o manexo de prensa en papel adoitaba ser moi ocasional. O contrario do que me acontece a min, que gusto de acabar coas mans lixadas con restos de tinta do xornal, ao tempo que tamén me achego a publicacións que só podo consultar na rede. Unha delas é Krítica / Magazine del Foro Pensamiento Crítico, cuxa lectura non podo menos que lles recomendar, simplemente porque nos permite confrontar informacións. Non todo van ser as noticias suministradas polas axencias.
Hai tres semanas, Krítica publicaba “Trump, Macron y Guaidó”, interesante artigo da autoría de Luís Casado, enxeñeiro do Centre d’Etudes Supérieures Industrielles de París, no que poñía de manifesto o paralelismo que observaba entre o acontecido na República Francesa en xullo de 1940, cando o minguado Parlamento lle transferiu todos os poderes a Philippe Petain. Esa manobra supuxo que Francia contase con dous presidentes: o eleito Lebrun e o proclamado Pétain. A Alemaña nazi axiña recoñeceu o presidente proclamado, o que deu lugar ao nacemento do réxime de Vichy, o da revolución nacional fascista colaboracionista do nazismo. O articulista entende que a tarefa que o imperialismo ianqui e os seus seguidores lle encomendan a Guaidó é similar á que cumpriu Pétain: colaborar co inimigo. E pon como exemplo que Renault fixo fortuna fabricando carros de combate para os nazis e que Guaidó non fabricará nada, pero entregará o petróleo, como outros entregaron o cobre e o litio. Porque o da preocupación por acabar cos padecementos do pobo venezolano non o cre ninguén.
Teño lido que para o 23 de febreiro, onte mesmo, ao redor da posta en marcha da chamada axuda humanitaria, os ianquis tiñan previsto activar un plan de incursión armada en territorio venezolano. No momento en que escribo estas liñas nada grave ten sucedido e agardo que non suceda.

Puntos de vista