Morno xiro á esquerda

|

O acordo entre a equipa de Pedro Sánchez e máis Podemos, racha en parte o cerco ao que está sometido o Goberno por parte do PP e Ciudadanos. Unha presión que conta co arroupe de sectores das estruturas do Estado e dos medios. O que dificulta atopar unha saída á cuestión catalá, que o PSOE intenta canear, e tamén aos problemas laborais e sociais que se agravaron na etapa de Rajoy, máxime cando a UE teima nas políticas de axuste. 
O pacto é un paso adiante que dá folgos ao Goberno, e que ademais demostra que a mobilización da clase obreira e dos sectores populares é efectiva. Avanzase no laboral: salario mínimo, falsos autónomos, protección ao desemprego, ultra-actividade, horas extras, eliminación artigo 315.3. No social: dependencia, pensións, alugueres, pobreza infantil, baixa por natalidade. No democrático: sentimentos relixiosos, monarquía, reforma electoral. No económico: unha fiscalidade progresiva, imposto sociedades, sicav, transaccións financeiras, tecnolóxicas, IRPF, loita contra a fraude. 
Este programa progresista está dentro do aceptábel polo sistema. Permitiralle ao Goberno gañar complicidades para frear a euforia autoritaria da dereita. Mais, quedan no tinteiro aspectos esenciais das condicións laborais, como que se recobre o concepto do convenio máis favorábel para o persoal asalariado, e que o salario mínimo sexa de 14 pagas de 1.000 euros. Ademais, non se abren mecanismos para que a cidadanía poda optar entre Monarquía e República, e tampouco se recoñece algo tan obvio, como que as nacionalidades históricas son nacións, co que isto implica no relativo á soberanía. Pódese dicir que son uns acordos exclusivos para os orzamentos de 2019, mais noutros temas concretase a liña sobre os obxectivos económicos, sociais e políticos da lexislatura. Faltou valentía para impulsar o cambio, amosando os límites duns acordos cociñados só nas institucións.
Os argumentos da dereita en contra do acordo carecen de fundamento. Non é verdade que o aumento do salario mínimo destruía emprego, se así fose Galiza estaría ateigada de fábricas, e non tería unha evolución tan negativa comparada con Madrid e Cataluña. É certo que os gastos públicos sempre están condicionados a uns maiores ingresos impositivos, daquela que non se entenda que a presión fiscal sobre as grandes fortunas e corporacións sexa tan tímida. Pode que esta medida reducise o investimento no exterior, mais potenciaría o consumo interno e, fundamentalmente, permitiría un reparto máis xusto do traballo e da riqueza.

Morno xiro á esquerda