ÉRASE UNHA VEZ, CON LUZ CASAL

Paseando polas rúas da cidade, decateime dun cartel que anunciaba un concerto de Luz Casal para finais deste mes de marzo, e de súpeto veu a miña mente o primeiro e único encontro que tiven coa que hoxe é unha das divas da canción popular neste país. Hai disto un montón de anos e a cousa máis ou menos aconteceu así:  atopábame eu en Madrid gravando para Zafiro e os encargados dos arranxos musicais do meu disco eran José Juan Almela e Eduardo Leiva,  este un músico certamente moi ben considerado nos estudos de gravación que naqueles intres traballaba con Juan Pardo. Hai máis de trinta anos, manda chover na Habana!! E naquela gravación participaron músicos de primeira fila coma, por exemplo, Pedro Iturralde co saxo e mesmo Eduardo Leiva co piano. Fora aquel un traballo moi agradable e a relación cos músicos perfecta, tanto que  se comezou a crear unha certa empatía entre todos nós, pero se cabe máis con Iturralde e con Leiva. Rematado aquel disco LP  de título “Lembranzas”, cando xa nos decidíamos a abandonar o estudo, Eduardo Leiva dirixiuse a min dicindo que ese día era o seu cumpre anos e que lle gustaría que fóramos a súa casa a tomar algo con el e con un grupo de amigos que alí se citaran. Ademais tiña interese en presentarnos a súa compañeira que  era galega e seguro que se alegraría de atoparse cuns paisanos. Aceptei encantado e alá fomos. Vivía nun pequeno apartamento parte do cal estaba ocupado por un piano de cola baixo o que durmía un enorme can, un San Bernardo. Nada máis entrar,  Mari Luz,   dounos a benvida e ofreceunos algo de picar ó tempo que nos presentaba a outros invitados entre os que se atopaban Cristina Almeida e Juan Pardo, que chegaría pouco despois aínda maquillado xa que viña de filmar unhas secuencias dunha película que estaba a facer con  Carmen Sevilla. Naqueles intres Luz Casal comezaba a participar no mundo da música facendo coros nalgunha gravación e actuación de Juan Pardo, pero ela esperaba que chegara o día en que puidera facer un disco como cantante solista. Foi aquela unha velada moi entretida pois falamos de música e de Galicia ata ben entrada a noite. Pasado un tempo, souben que Luz Casal formou parte do elenco artístico de Miguel Ríos nunha xira do cantante . Luz Casal abría o concerto interpretando algúns temas denantes da irrupción no escenario do granadino. E por fin cumpriuse o seu soño ó  gravar o seu primeiro disco  cousa que se produce en 1980. No 1982 aparece o seu primeiro LP e xa a partires de aí a súa carreira foi meteórica ata convertela nunha estrela da canción popular, unha carreira que eu fun seguindo con certo interese e curiosidade por mor daquela circunstancia , daquela cena  na compaña daquel grupo de amigos hai un feixe de anos cando aínda era Mari Luz. Logo daquel encontro casual , non volvín a coincidir con Luz Casal nin tampouco con Eduardo Leiva. Eles estaban no lugar onde se movía o cotarro, onde era necesario estar para intentar subir escalos no intricado mundo da música. Eu, rematado o meu traballo volvín á diáspora, onde por aquel entón a forza centrífuga da música perdía intensidade. Non sei como andarei de tempo e ganas, pero se cadra o mesmo vou ó concerto  de Luz Casal  programado para finais deste mes. Seguro que aflorarán lembranzas daquela xuntanza. Ela, o máis probable, non recordará aquel episodio. Ou si, vaian a saber.

 

ÉRASE UNHA VEZ, CON LUZ CASAL

Te puede interesar