MORRÍN

|

Morrín, e o máis bonito, sen que me decatase. Ata que me avisan, de Vigo, de que en certa cadea local de televisión, a propósito dun premio que veñen de me outorgar en Moaña e que recollerei encantado, de o locutor: “O galardón tal e tumba recaeu a título póstumo no xa falecido cantautor, membro de Voces Ceibes, Vicente Araguas”. E eu, sen decatarme. O que non deixa de ter a súa graza.

O próximo, naturalmente, será ir ao meu funeral. Como Tom Sawyer, despois de que o deran por afogado; segunda vez que cito a este nun prazo de tempo breve, e é que Mark Twain sigue sendo moito. Eu, de momento, tamén sigo. Aínda que igual son unha pantasma (que non un “fantasma”; por moito que algún que me quere moi ben teña pendurado este adxectivo da miña chambra) o que tamén semella divertido. Eu de cativo quería ser home invisible (ou, xa postos, pantasma, con saba branca, cadeas, e a facer “¡uuuuuh!”).

Logo cambie de obxectivos, sobre todo porque vin que había moita competencia. De pantasmas dos que meten medo e de “fantasmas” fachendosos. Así que xa o saben, en Vigo, para certo medio local estou morto. De maneira que o 17 de marzo irei a Moaña, recoller o premio Patrimomio Musical, a título póstumo. A ver que “espiche” lles boto. O seu sería unha autoelexía, pero igual queda un chisco presuntuoso de máis. Así e todo unha cousa lles podo garantir xa: desde que estou morto “vivo” as cousas de outra maneira. Xúrollo.

 

MORRÍN