Quen teña viaxado en auto particular polas autoestradas de Portugal terá observado que de cando en vez aparece un sinal no que se indica o final ou o comezo dunha concesión, o que non significa, en absoluto, cambio de vía. Un continúa tan ricamente a súa viaxe independentemente de quen vaia ser –de habela– o perceptor da peaxe de cada tramo. Vese ben, por exemplo, na entrada do Porto. Iso supón que no hipotético caso de que o Estado quixese liberalizar peaxes -que non quererá- podería ilo facendo a medida que fose caducando cada concesión. Porque as autoestradas portuguesas, como case todas, foron construíndose cacho a cacho e, consecuentemente, teñen diferentes concesionarios e caducidades. Nada, pois, que ver coa nosa –o de nosa é un dicir– AP-9 en mans dun único concesionario, como quen di, ad infinitum, froito da política de multimillonarios regalos do PP. Mais, os considerables e continuos aumentos de beneficios contrastan co constante deterioro das vías. Na tarde-noite de antonte mesmo tiven que viaxar de ida e volta a Santiago e que perigo permanente. Chovendo nin con xenón se ve nada. Sería –que non será– motivo sobrado de perda da concesión.