Dun tempo a esta parte abundan no panorama musical o que se dou en chamar “tributos”, algúns unha imitación, de tocar como toca tal conxunto ou cantar como canta aquel cantante. Así as cousas un atópase por exemplo cun anuncio dun tributo a Dire Straits e oirá unha guitarra que soa á de Marc Knofler cun swing semellante. E a min, que quer que lles diga, non me seduce a idea, preferiría que eses músicos empregaran o seu talento noutras alternativas. Para escoitar a Dire Straits xa está Dire Straits. Como entretemento está ben, pero os orixinais en liñas xerais case sempre estarán mellor cas imitacións, por moi boas que sexan. Nunha viaxe que fixen non hai moito polo sur de Portugal entramos nun local onde un cantante imitaba a Elvis Presley. O home non o facía mal, afinaba ben, e enfundado na mesma indumentaria de lentejuelas e pantalóns acampanados que usaba o cantante de Tupelo ía degrañando o repertorio do rei do rock. Aquilo pareceume innecesario pois por moito traxe, meneo e esforzo en imitar a voz de Elvis, achegábase sen chegar e aí radica o quid da cuestión. Por exemplo o tributo a “Queen”: homenaxean ao grupo cun cantante que imita a Fredie Mercury non so na voz senón que tamén no atrezzo e por moito tributo que lle queiramos botar nin sequera o auténtico “Queen” o é sen o seu mítico cantante, así que estamos a perder o tempo por moi ben que toque a guitarra o imitador de Brian May ou que o cantante intente a tesitura e as inflexións vocais do orixinal. Soarán parecido a “Queen” pero... Non hai mellor tributo para un músico que outros músicos interpreten os seus temas, que fagan versións achegando diferentes lecturas engadindo esa marca persoal que identifique aos intérpretes. Vaiamos ao tema de Bob Dylan “Knockin On Heavens´s Door” e pasemos pola versión que fai del o grupo “Guns N´Roses”. Iso si é un tributo. Outro exemplo: non hai mellor tributo a Leonard Cohen ou a Lorca que o feito por Enrique Morente e o grupo Lagartija Nick no seu traballo “Omega”. A canción de Cohen “Take This Waltz” dedicada a Lorca toma unha dimensión diferente na voz de E. Morente. É o mellor tributo que estes músicos andaluces lle poden facer a Leonard Cohen. Tratar de imitar a voz ou de calcar unha interpretación éche o mesmo que mercar un “Rolex” nun top manta: que terás un reloxo pero...