Unha imperturbable chuvia caía sobre a cidade nesta típica primavera nosa cando nos achegabamos ó excelente Auditorio da cidade para escoitar un prometedor concerto a cargo da Sinfónica de Galicia que ofrecía un atractivo repertorio de dous compositores ós que poderiamos definir como precursores: Procófiev e Stravinski. Tiven ocasión de visitar este foro formidable nunha visita guiada co amigo Fernando Bores, coñecedor a fondo do proxecto do que foi supervisor, pero non escoitara ningún concerto aquí e abofé que quedei sorprendido pola sonoridade onde as seccións instrumentais quedan perfectamente definidas lonxe da amalgama revolta que ofrecen outros foros. Co Jofre e co Auditorio, Ferrol ten cubertas as expectativas sonoras e a música un acougo perfecto. Pero vaiamos ó concerto. Comezou coa suite “O amor das tres laranxas” de Prokófiev, unha obra que a min pareceume innovadora polo abano rítmico sen a presenza dun fraseo melódico sobre o cal puidéranse facer variacións; niso si que ten elementos jazzísticos. O terceiro tempo, a “Marcha” é quizais a parte máis coñecida da peza; unha peza que a min, pechando os ollos, me levaba ás estepas rusas e a Táras Bulba cabalgando cos seus cosacos, e por moito esforzo intelectivo que fixen non atopei o amor das tres laranxas por ningún lado. Éche a marabilla da música que a cada un lle fai vivir sensación diferentes. Seguiu o “Concerto nº 1 para piano” coa presenza en escena do pianista Alexandre Toradze que engaiolou ó público coa forza expresiva amosada na interpretación dunha difícil partitura coa que o autor presentouse ó premio fin de carreira en 1912. Logo , na segunda parte , chegou Stravinski co seu “Concerto para piano e vento” e aquí sento discernir do compositor cano di que: “ a música non ten capacidade para expresar nada...” porque neste concerto o autor está expresando todo o expresable. De especial sutileza é a conversa entre o óboe e o piano coa incursión tamén da trompa. Un concerto clásico na súa estrutura cos seus tres tempos, pero moderno na súa concepción con ritmos sincopados cheos de acordes as veces disonantes e áxiles arpexos salpicados de frases en oitavas ( aquí está o jazz de novo). Espléndido o pianista que saíu a saudar varias veces. “O paxaro de fume” co que Stravinsky reinventa o ballet, puxo un brillante colofón a un concerto moi ben estruturado, pois os dous compositores rusos, que viviron en gran parte do século XX, son uns referentes e en certo modo uns visionarios que puxeron os piares da música que viría despois. Stravinsky está considerado como un dos músicos máis influentes do século XX polo que transitou ata o ano 1971. Como autor literario escribiu “Poética Musical”, libro no que proclama a súa frase famosa : “La música es incapaz de expresar nada por si misma” que así, quitada de contexto, pode descolocar a máis de un ( a min, por exemplo). Deixo para o final o quefacer dunha orquestra que é un orgullo para todos os amantes da música en Galicia esta vez baixo a dirección de Dima Slobodeniouk que sen batuta pero cunha sutil expresividade no braceo e nas mans foi capaz de levala a cotas moi altas como xa nos ten acostumados a Sinfónica de Galicia. Cando saímos do Auditorio a chuvia semellaba que dera unha tregua, pero axiña comezou a chover de novo. Xa dentro do coche pensei: Se a música non existira, habería que inventala. Bravo pola música! . E bravo tamén pola Sociedade Filarmónica Ferrolana.