Bicicletas

|

Hai uns días tiven que ir ao Centro de Saúde da Casa do Mar da Coruña facer unha extracción de sangue. Como é o ambulatorio ao que estou adscrito, sei que a esas horas da mañá nunca houbo problema ningún para aparcar na zona azul. Mais este día percibín que había menos sitios dos habituais. Algo haberá hoxe por aquí, pensei. Pincháronme ben, coma sempre e, ao saír, como tamén adoito facer, fun matar o bicho cun café e seis ricos churros no Timón. Cando voltei para o coche vin que xa non había lugares para estacionar, mais iso era o común desas horas. Un par de días despois volvín circular pola avenida do Exército e reparei que nun tramo onde antes había un lote de lugares para aparcar colocaran as varas metálicas que delimitan o carril bici, feito que me pasara desapercibido en desprazamentos anteriores. Tate!, velaí o motivo do menor número de espazos de parqueo fronte a Casa do Mar. Pago o “Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica” no Concello da Coruña e nunca detectei que o importe do mesmo se reducise. Si notei, non obstante, como, aos poucos, ían minguando os servizos que se supuñan derivados do devengo do citado imposto. Vin como tiven que empezar a pagar por estacionar en determinadas rúas  e como esas restricións en determinadas zonas comezaron a afectar a outras, próximas, onde o parqueo seguía sendo gratuíto. E vin tamén como os veciños delas, ao non atopar onde deixar os seus autos, incluso solicitaban que lles implantasen a zona de pago. Que manda truco!!! Iso si, con prazas para residentes, nas que tamén algo hai que pagar. E iso das prazas reservadas a residentes, mírese por onde se mire, é un outro xeito de privatización, porque non permite o acceso a elas a todo o mundo. E ao carón de todo isto chegou o boom dos parkings subterráneos, normalmente nada baratos. Non chegan aos 90 dólares por 3 horas que é o que hai pouco me contaba un amigo que viña de pagar por parquear en Manhattan. E nin iso pon freo ao problemático tráfico neoiorquino. Porque a nosa realidade nos di que hoxe quen anda diariamente en carro particular somos os pobres que non podemos movernos doutro xeito. E sabido é que somos os pobres os principais sostedores desta sociedade do roubo e o engano.
E isto dos carrís bici, por moi intencionado que puidese ser, contribúe a seguir batendo no peto dos pobres.
 

Bicicletas