O PP goberna na Xunta sen maiores problemas. A oposición institucional non é quen de recoller totalmente o descontente e a protesta social e laboral.
Non será porque a esquerda se afastou da clase traballadora? Para alén de como responda cada quen a esta pregunta, o certo é que a cuestión do desemprego e da economía familiar son centrais en todas as enquisas.
E que malia o medre do PIB, a precariedade non deixa de medrar, os salarios de baixar, e a xornada laboral real de aumentar. As estatísticas avalan esta percepción, que calquera pode constatar no seu círculo máis próximo.
Vexamos. Este ano o PIB recuperou os niveis que tiña antes da crise, mais a distribución da renda entre salarios e capital reflicte que aumentou a desigualdade. No ano 2009 as rendas do traballo representaban un 48% do PIB e hoxe só 42,9%. Mentres tanto, as do capital pasaron do 43,8% ao 47,1%.
Só no ano 2016 os ingresos do traballo perderon 1,1 puntos, o mesmo que aumentaron os do capital. Ou sexa que o medre da economía fíxose exclusivamente en beneficio das empresas e dos autónomos.
Agora ben, resulta evidente que a concentración e centralización é moi forte tamén dentro do mundo empresarial en beneficio das grandes corporacións e dos territorios máis poderosos (especialmente aqueles que teñen poder político), tal como se evidencia no progresivo e cada vez máis importante control das principais empresas galegas por capital foráneo.
En poucas palabras, todo indica que aqueles que, desde posturas progresistas, coidan que a prioridade é garantir un crecemento do PIB, non teñen en consideración que deste xeito non se asegura unha mellora das condicións laborais. A creación de emprego faise a costa de reducir os salarios e redistribuír o tempo de traballo na base da pirámide.
Os datos amosan que a cobiza empresarial non ten teito, e que unha taxa alta de desemprego é-lles garantía de baixos salarios e xornadas máis amplas. En resumo, é necesario vincular a economía coa distribución do traballo e da riqueza. Cómpre poñer a actividade produtiva ao servizo do pobo. Ese é o papel da esquerda, especialmente daquela cun programa nacional galego.