Ofensiva

Fico máis unha vez estupefacto perante un acontecemento político. E van... a intemerata. Desta volta tocoulle ao Concello de Fene ter que apancar cunha proposta de moción de censura presentada antonte polos concelleiros do PP e mais de Somos Fene. Como sabemos, chove sobre mollado, pois este asunto pairaba no ambiente desde hai algo máis dun ano, cando o BNG decidiu retirarlles as responsabilidades de goberno aos concelleiros do PSOE e de Somos Fene por mor da súa deslealdade nas tarefas de goberno. Foi, sen dúbida, o afán de vendetta o que levou os “agraviados” a tentar argallar co PP unha moción de censura que ata o de agora non dera froito. O PSOE freara os seus concelleiros e os de Somos Fene foran expulsados do partido instrumental Participación Democrática Directa de Galicia (PDDdeG), polo que concorreran ás eleccións. Agora o Xulgado do Contencioso Administrativo de Ferrol resolveu decretar a suspensión precautoria desa expulsión e os concelleiros afectados non agardaron nin medio segundo para retomar a súa vingativa actuación, malia que ese acordo político supoña o maior dos desatinos. Ao tempo.
 

Ofensiva

Te puede interesar