Non son politólogo, nada máis lonxe de min que a funesta idea de intentar suplantar aos sisudos analistas que pescudan todos os recunchos habidos e por haber para explicar porque as cousas da política son como son e non son doutra maneira; e non hai época mellor para abondar nestas cousas que o día despois dunhas eleccións, sexan do cariz que sexan. Aí e onde entran todas as explicacións posíbeis, onde os especialistas poñen toda a carne no asador co gallo de despexar tódalas incógnitas. Móveme a miña curiosidade.
Din que estas pasadas eleccións en Cataluña eran de transcendental importancia entre outras razóns porque se lle quixo dar ao asunto categoría de plebiscito, de referendo para saber se o pobo catalán desexaba emanciparse de España. Houbo necesidade de formar coalición daqueles partidos cuxo obxectivo primordial era acadar a independencia, e aí aparece Junts pel Si composto dunha sopa de letras de partidos que aspiran á independencia, pero que teñen conceptos diferentes de como aplicar a política que vaia en camiño de solucionar os problemas que de verdade ten o pobo catalán. E a miña curiosidade lévame a dubidar en como se poden poñer de acordo CiU e CUP por exemplo á hora de tratar de solucionar temas de sanidade, educación, etc. A dereita de Mas xunto a esquerda anticapitalista de CUP, ambas independentistas pero con conceptos de aplicación política case antagónicos, de xeito que CUP xa proclamou aos catro ventos que non vai apoiar a Mas para a presidencia do novo goberno emanado destas eleccións. Veremos.
Por outra banda teño unha dúbida que non acabo de despexar, seguramente debido a miña ignorancia nisto da enxeñería matemática á hora de facer balance dos resultados. Eu sempre crin que os votos daban escanos e o que sacaba máis era o gañador, pero resulta que hai matices. Junts pel Si gañou en escanos, pero semella que non abonda con iso para levar adiante o proxecto independentista porque segundo din os entendidos nestas cousas, o voto arredista non foi suficiente. E eu chegado a este punto estou embarullado, como sospeito que estarán algúns de vostedes. Tampouco entendo como na actual lei electoral (española e catalá) un voto dun ilerdense, por exemplo, vale o dobre que o dun barcelonés provocando deste modo que a maioría parlamentar non se corresponda coa maioría da poboación e xa que logo tampouco coa realidade.
E andei a darlle voltas a outra cousa : Artur Mas é fillo político de Pujol e o pujolismo gobernou en Cataluña perante moito tempo no que se puña de manifesto o “expolio” que España lle estaba a facer a Cataluña coa aquela reiterada frase de “España nos roba” e miren por onde namentres España roubaba a Cataluña, o honorable Pujol tamén, e a verdade é que non alcanzo a entender como o pujolismo segue a acadar votos dabondo e que ten que ver a política de Pujol e do seu valido Mas(capitalismo puro) coa de CUP que atribúe os males de Cataluña ao sistema capitalista e proclama, non sen certa razón, que ante as leis inxustas so cabe a insubmisión. E digo non sen certa razón porque o ser humano chegou a acadar a situación social na que arestora está, loitando contra as leis inxustas. Pero ese éche outro cantar.
Non sei se con estas eleccións con aire plebiscitario, o independentismo catalán e Artur Mas metéronse nunha senda sen saída, non sei se despois disto o goberno español terá disposición de sentarse a falar do problema de Cataluña, das nacionalidades históricas, de federalismo, ou preferirá esperar ás eleccións xerais, levar a previsible pancada, e que outros liden co problema. Vaian vostedes a saber.