Perigoso teatro

|

andou polos papeis e en moitas bocas estes últimos días a proposición de lei en favor da garantía de acceso á función pública sen discriminacións lingüísticas presentada no Congreso por Ciudadanos. Encargouse de defendela -co habitual ton chulesco, insolente e de perdoavidas que o caracteriza- o deputado Toni Cantó, nun discurso cheo das malintencionadas falsedades que ao seu partido lle interesa reflectir a respecto da cuestión lingüística española. Cantó compartiraas, sde certo, mais non son, obviamente, ideas da súa colleita particular. Lástima non fose así, porque tolos hai por todas as partes, pero non o é. Quen está detrás de todo o dito polo máis que discreto actor é, nada menos, que o partido que aspira a gobernar o Estado, que, nese seu apresurado empeño, non dubida en botar a pacer todo o que entende que pode beneficialo, malia sexan monumentais mentiras. Oxalá fose certo que houbese que dominar o galego ou o euskera para traballar na función pública en Galicia ou en Euskadi. Como tamén o fose que a saúde do galego ou do euskera sexan excelentes, como tamén se dixo. A proposta non prosperou, mais os 12 deputados galegos do PP votaron a favor.

Perigoso teatro