E despois do 26-X, que?

As enquisas dan unha repetición dos resultados electorais do 20-D. A única diferenza é que a confluencia de Podemos e IU permítelle superar o PSOE en votos, e partir como a formación máis forte da esquerda ao obter máis escanos que o partido de Pedro Sánchez. Un cambio que coloca nunha situación complexa o PSOE, que se terá que decidir entre dar o Goberno ao PP (abondaría con se abster) ou a Unidos-Podemos. E calquera das dúas alternativas agudiza as contradicións internas e debilita aínda máis o partido. Sen dúbida é unha situación difícil, que o PSOE gañou a pulso abandonando os postulados de xustiza social, reducidos en exclusiva aos dereitos individuais (aborto, igualdade de xénero, liberdade de orientación sexual,...). 
O novo Goberno será débil. E mesmo sendo progresista e propoñendo avances no laboral, social e na cuestión nacional, facelos realidade vai depender do que empurre a mobilización sindical e social, e o debate político. E isto significa que o diferencial estará na presión que realicen as clases populares, nun escenario copado por catro grandes forzas de ámbito estatal, que non cuestionan o sistema e están centradas no institucional e na utilización dos medios. Esta é unha tarefa que neste intre só están en condicións de cumprir algúns sindicatos e organizacións sociais, así como partidos da esquerda, especialmente do ámbito nacionalista, que perderon presenza nas institucións fronte á nova socialdemocracia. Trátase dunha nova oportunidade que ten a esquerda rupturista para medrar e mudar a correlación de forzas. 
No Estado español, e na Galiza, fai falla un cambio que lle permita respirar á maioría. É necesario que se derroguen as reformas laborais e a lei mordaza, que se recoñeza o carácter plurinacional do Estado, rexeitar o TTIP, o CETA e TISA, saír da OTAN, abrir o debate sobre o euro e a Unión Europea, e fortalecer o público. 
O que se avance nestes nestes aspectos non se pode concretar só en propostas e boas intencións, cómpre confrontar coas clases dominantes tanto nas formas como nos contidos. E iso depende tanto da sensibilidade e coherencia como da presión sindical, social e política. 

E despois do 26-X, que?

Te puede interesar