Do mar de Arousa

E verán. Asomado a esta fermosa ría de Arousa, descubrimos que o tempo é unha medida prescindible. A sensación, a emoción e o asombro está sempre ao mando da manobra. Ollamos este mar en calma que suxire un amplo lenzo, con miles de matices  de cromatismos cálidos. Navegamos. As illas teñen nomes que suxiren memoria, oportunidade e misterio. Este mar ten memoria de culturas, de pobos e de imperios. Un mar de  Poesía. 

Dende Cabanillas, Castelao e Manuel Antonio, este é un mar referente de escritores, artistas e poetas. Un mar de achegamento e de acollida. De oportunidade, e de heroicos e  históricos naufraxios. Enmarcado entre múltiples bateas, a lámina de auga fai salseiros entre os madeiros da estrutura. As praias son pinceladas brandas nas dúas marxes da ría. Hai alegría nas rúas, e os paseos marítimos locen ateigados de xentes, que descobren este marco costeiro, engarzado en solpores onde todo ten a maxia consubstancial a todas as nosas rías. Algúns fan lances de pesca mentres que outros, observan a execución das  manobras de desatraque. Lanzamos esperanzas ao mar e baixo este ceo azul de Arousa, semella que todo puidera ser posible. 

É verán e todo está empeñado en recordárnolo. Ás veces a climatoloxía sorprende, e abarloa alternativas húmidas a estes fermosos días de plenitude de soles. Cando o devalar das horas baleira as praias, os areais incrementan no silencio a súa beleza. Así é o Mar de Arousa. O mar que nós sentimos, e vivimos. Unha pura declinación de beleza. 

Grazas por encherme de sentidos –díxolle El– sen ti non escoitaría os invernos, nin o latexo das horas ou a rítmica proxección das nubes nos tellados... Saberte ten aromas de lavanda e tardes de merendas agochadas... Contigo cada verso, ten o principio activo da tenrura...

Do mar de Arousa

Te puede interesar