primeiro que fixen o pasado martes cando souben da absolución, por parte da Sala do Penal da Audiencia Nacional, dos 34 procesados por presuntos delitos de estafa aos inversores -ao redor de catrocentos mil pequenos aforradores- e falsidade contable foi escoitar a canción que sempre me vén á mente cando escoito falar de grandes operacións, presuntas ou totalmente, fraudulentas, que, por desgraza non son poucas:
“Que el mundo fue y será / una porquería, ya lo sé, / en el quinientos seis / y en el dos mil también; / que siempre ha habido chorros, / maquiavelos y estafáos, / contentos y amargaos, / valores y dublés”. Como saben, é o comezo do moi coñecido tango de Enrique Santos Discépolo, tantas veces cantado, aquí e acolá, desde que en 1935 o dera a coñecer, en Buenos Aires, a voz de “La Negra” Bozán. Cantantes como Caetano Veloso, Serrat, Julio Iglesias, Aute, Calamaro, Ismael Serrano ou Raphael, que nada teñen que ver co tango, gravárona, cadaquén co seu estilo, nos últimos corenta anos. Gusto dalgunhas, mais sempre preferín a do “Polaco” Goyeneche, este si tangueiro de pro. É todo un pracer escoitalo dicir “Si uno vive en la impostura / y otro roba en su ambición, / da lo mismo que si es cura, / colchonero, rey de bastos, / caradura o polizón. // ¡Que falta de respeto, / qué atropello a la razón! / ¡Cualquiera es un señor, / cualquiera es un ladrón!” ou aquilo de “ Siglo veinte, cambalache, / problemático y febril, / el que no llora no mama / y el que no afana es un gil”. Canta chulería porteña xunta!
E falando de “giles”, non podo menos que lles recomendar que vexan –se non o fixeron xa– La odisea de los giles (2019), o filme arxentino protagonizado por Ricardo Darín, que vai desas historias de estafas tan ruíns como comúns.
O que non é un “gil”, está claro, é Rodrigo Rato. Como tampouco é un cidadán calquera. É un señor cunha longa traxectoria política na que ocupou moi altos cargos, como os de ministro e vicepresidente segundo e primeiro de gobernos de José María Aznar. Que de aí deu o salto ao Fondo Monetario Internacional –cando sae a colación este organismo sempre me acorda o vello tema, FMI (1979), do José Mário Branco, non hai moito falecido, que debo tamén recomendarlles– e logo á banca, a Telefónica –, por certo privatizada, na súa totalidade, sendo el ministro de economía– e a algún outro lugar, ata que foi condenado a catro anos de cadea –polo noxento asunto das tarxetas black– e alí permaneceu, desde finais de outubro de 2018, ata antonte mesmo, en que puido saír ao serlle concedido o terceiro grao. Agora, como o resto dos acusados, safou dun caso no que o tribunal non atopou ningún comportamento delictivo e penalmente reprochable.
Mala e desesperanzadora noticia para tanta xente.