O FMI VOLVE Á CARGA

|

A globalización neoliberal ten en organismos internacionais como o Fundo Monetario Internacional, o Banco Mundial e a Organización Mundial do Comercio, os seus mellores aliados, para satisfacción das potencias imperialistas, das empresas multinacionais e das grandes fortunas. O FMI xoga un papel especial nesta campaña para botar abaixo medidas protectoras, das economías nacionais e dos dereitos sociais dos países máis débiles, solicitando acotío un novo axuste, sempre co loábel obxectivo de “mellorar a competitividade e favorecer o emprego”.
Os adornos cos que o FMI arroupa as súas propostas son pura leria, para convencer os incautos, como máis dunha vez se demostrou. Por exemplo, cando a primeiros deste século receitou medidas de axuste na América Latina que causaron a depresión económica e o empobrecemento. Só despois de que a zona rachou co FMI puido emprender a andaina do crecemento.
Mesmo hai pouco, o propio FMI recoñecía que se lles foi a man no caso de Grecia, e que as medidas de “austeridade e axuste” agudizaran a recesión. Que son por certo as mesmas que agora propón para o Estado español, e que se engaden ás xa executadas; que causaron retracción da economía e empobrecemento, por unha banda, e concentración e centralización da economía e o poder, pola outra.
As medidas que propón o FMI son: rebaixa xeralizada dos salarios nun 10%, máis achegas para os empresarios e rebaixa das cotizacións (é dicir dos salarios indirectos, vía futuras pensións), aumento do IVE dos produtos esenciais, e redución de servizos e prestacións básicas, como ensino, saúde e pensións.
Casualmente son as mesmas que propón a patronal, que despois paga o 3,5% de impostos polas súas empresas (fronte ao 12% das familias) e recibe a fundo perdido, só pola especulación da banca, 36 mil millóns de euros.
A mesma patronal que despois, nun alarde de “compromiso coa sociedade”, exporta capitais directos ao exterior en plena crise (15.977 millóns de euros en 2011). O Goberno di que non son necesarias estas novas medidas, mais terminará aplicándoas, porque forma parte deste tren insolidario do que non quere baixar.

 

O FMI VOLVE Á CARGA