Non abonda con crecer

Os pobos teñen sempre teñen nas súas mans algunha oportunidade para saír de situacións complexas, como as que sofren hoxe en moitos países. Mais, para reverter unha tendencia regresiva cómpre rexeitar as actitudes derrotistas; facer unha análise correcta da realidade, de que políticas se impoñen, e a que clases e territorios favorecen e prexudican.
Durante o auxe neoliberal, da burbulla e da especulación da pasada década, todas as partes crecían, claro que unhas máis e outras menos. Porén, nesta conxuntura imponse sen límites a lei do máis forte, que transfire á periferia dependente e ás clases subordinadas os custes do axuste. Neste contexto, calquera saída depende en exclusiva da defensa que se faga da economía nacional (galega) e dunha distribución xusta do traballo e da riqueza producida.
Sendo así é errado pretender homologar calquera  crecemento do PIB coa xeración inmediata de emprego, e sobre todo co remate dos retrocesos nas condicións laborais e de vida da clase traballadora (como se augura dende o poder). Non ten porque ser así. Concretamente, a crise afectou a moitos pequenos empresarios, autónomos e a unha masa inmensa de asalariados, mesmo a algunha gran empresa e alto directivo, mais en termos xerais estes últimos acrecentaron o lucro. A crise converteuse nun axuste para concentrar e centralizar a riqueza e o poder, e socializar (estatalizar) as perdas da burbulla e a especulación.
Sendo deste xeito ¿por que razón non se ía manter esta tendencia dominante no futuro? ¿por que, o medre na produción non se pode facer a costa do aumento da xornada e da intensidade do traballo sen xerar un emprego equivalente ao medre da produtividade?...
A queda constante do consumo interno, maior que o do PIB, confirma que esta é a estratexia da patronal e do Goberno, que garante altas taxas de lucro nun capitalismo globalizado.
Todo amosa que terá que aumentar moito o PIB para que se note a diminución do desemprego. No referente as condicións laborais e prestacións públicas, a mellora dependerá da mobilización e protagonismo do movemento obreiro. Cando menos iso é o que nos di a nosa historia e outras experiencias.

 

Non abonda con crecer

Te puede interesar