Cando despertaremos do longo letargo?

A cotío penso no impensable,
soño co insoñable.
Agardo un vento de popa.

Vostedes desculpen. A míudo escribo do pasado porque non me cadra falar do futuro. Dese futuro incerto e pouco prometedor ó que nos intentan levar os que tiveron e teñen o poder político-económico.
Dese futuro de zigzagueantes e pirigrosos camiños con traxectorias de dificultosos atrancos. Nas últimas décadas a clase traballadora deixámos perder boa parte dos dereitos polos que avós, pais e fillos loitamos contra  vento e  marea do gran capital. Ó lombo o temos. E eso, como dixo don Mariano en combate electoral nun cuadrilátero televisivo fronte a don Pedro Sánchez, candidato socialista: “Hasta aquí hemos llegado”.
Non falo do futuro, xa que para eso están os futurólogos profetas das finanzas e outros visionarios que poucas veces atinan. Tamén eses privilexiados que non hai crise que non os afecte en positivo, á conta, sempre de chaqueta de la.
Eses e esas expertos en camuflaxe ós que non hai quen lles tosa, que sempre teñen un refuxo dourado no que gorecerse con todo o seu séquito, harén incluido. Xa Platón dicía que a xustiza non é outra cousa que a comenencia dos máis fortes. Pasados 23 séculos, de vivir hoxe seguiría defendendo o mesmo pensamento, por máis que haxa cínicos que digan que é igual para todos. Érache boa...!
Mágoa me dan  esas e eses puritanos trasnoitados que intentando polemizar sobre da vestimenta e os sexo de Magos e Magas que por algunha cidade, adaptándose ós tempos e en harmonía coa gran maioría de cidadáns, repartiron agasallos a nenas e nenos que os agardaban. Actualícense, saian das cavernas. Sorrían de vez en cando.
Ogallá!, puideran chegar, fosen homes ou mulleres, por Reis, polo Nadal, todos os días do ano con indumentarias dispares das cores do arco da vella, ou con uniformes de traballo, “o importante é a acción; o hábito non fai ó monxe”. 
O importante é chegar a tempo, facer felices a tantas criaturas que, en moitos lugares do mundo están morrendo de fame ou a un paso da desesperación, faltos de amor e de todo.
Mágoa non nos decatemos que pasaron moitos séculos dende que aqueles, sabios, magos, ou reis chegaran de Oriente para adorar e agasallar a Xesús, o Mundo deu moitas voltas, chegando a hoxe, era de Internet, dos patinetes eléctricos rompe ósos, do diñeiro de plástico e dos menús de deseño, que deixan estómago e bolso baleiros.
Mágoa, tamén, non nos decatemos e non defendamos que Magas e Raíñas (penso en todas as mulleres), teñen os mesmos dereitos que Magos e Reis (penso en todos os homes), e moito que aportar á sociedade, máximo nunha sociedade democrática e civilizada. Anque, tamén debera ser así en todas as sociedades e pobos do mundo.
Xa indo ó pasado que onte fora presente. Recordo e sinto no peito aquela calor verbal e familiar de cando eu neno, na casa dos meus pais e dos meus avós, agardando con ilusión aquel cabaliño de cartón, aquela  pelota de goma, ou aquel tambor co que facía doer a cabeza a toda a veciñanza. Pórtate ben, que van vir os Reis Magos. Os últimos días intentábao.
O meu mundo, coma o de tantos, eran aqueles arredores do lugar onde vivía. As primeiras saídas a parroquias veciñas, o cine Adriano, algunha romería na compaña da familia, as primeiras viaxes a Ferrol nas lanchas de Perlío ou de Maniños. O comezo como aprendiz nos estaleiros Astano, xa era outro mundo no que a convivencia con traballadores de lonxe, anque foran de concellos da contorna xa me facía sentir libre, internacional. Un novo e pequeno home.
Astano, á parte de ser un gran centro laboral e social semellaba unha Universidade. Alí aprendíamos dende gramática até física e química, pasando por técnicas e práctica de oficios. A Universidade de Gijón ó pé da casa. 
Astano e Bazán foron as grandes empresas da comarca na que aprendimos un oficio e nos fixemos técnicos milleiros de persoas. Eran ademais as empresas que mantiñan o 50% das economías familiares da comarca.
Hoxe, Ferrolterra está moi enferma. O que se ve non se pode esconder. A cidade de Ferrol e toda a comarca, ten que sair deste letargo. Temos o deber, estamos obrigados, todas e todos.
Ninguén nos vai sacar as castañas do lume. Temos que volver a aquel rebulir económico-social de hai unhas décadas. 
Sen dúbida introducindo novos sectores industriais de producción, pero sen esquecer, para nada, o naval.
Temos que volver a aqueles tempos de caras alegres, de persoas satisfeitas con traballo e salarios dignos. Temos que volver a sentirnos orgullosos por poder vivir dignamente na nosa terra, sen termos que mendigar a propios e extraños.

Cando despertaremos do longo letargo?

Te puede interesar