Moción de censura

Gobernar per se éche a mar de complicado, e gobernar a gusto de todos misión imposible. Por outra banda obter un puñado de votos máis cas outras formacións políticas non significa que se gañen as eleccións aínda que isto resulte un paradoxo: gaña aquel que obtén maioría suficiente para formar goberno, ben por maioría absoluta ou en caso contrario terá que buscala sumando apoios. Isto será así coa actual lei electoral malia que algúns políticos ( os que gañan por un puñado de votos) andan a darlle voltas con que goberne a forza máis votada. En Mugardos gañou as eleccións o PP  pero non obtivo maioría suficiente e malia iso mandou porque as outras forzas políticas non foron quen no seu momento de se poñer de acordo para formar un goberno de esquerdas. Así as cousas o PP asume o goberno en solitario dende fai catorce meses e este tempo intúese pouco para poñer en marcha e a punto toda a maquinaria que permita facer tanxible un programa de goberno que antes so estaba nos papeis. Todo o mundo sabe que un proxecto dun alcalde, se ten a sorte de inicialo, case sempre vaino inaugurar outro porque o reloxo da política camiña así. Pero entre medias  hai un elemento que se chama moción de censura que permite poñer en cuestión a xestión dos que rexen e, se os censores teñen maioría suficiente, formar outro goberno. Isto é absolutamente legal e xa que logo incuestionable e nada se pode reprochar a aqueles que suscitan unha moción de censura. O que si se pode discutir é o momento de presentala. Evidentemente ninguén mellor que os que están dentro para saber como van as cousas, pero o que a xente se pregunta é por que agora e non antes? por que PSOE, BNG, EU e ICM  non foron capaces de se poñer de acordo para conducir a cousa municipal nada máis coñecido o resultado das pasadas eleccións tendo maioría para facelo? Qui lo sa. Ben, si, douse a explicación de que ICM fixo referendo coas bases e simpatizantes para saber se era factible o apoio a esa alternativa e saíu que non. E un preguntase se agora, no momento de propor esta moción de censura, foron tamén consultadas ás bases ou decidiron os edís electos. Os camiños da política as veces tamén son inescrutables. O que si é xa incuestionable é que en Mugardos haberá  novo goberno municipal saído desta moción de censura sobre o que se depositarán todas as miradas porque as comparacións vanse facer inevitables e porque o pobo necesita que as promesas se convertan en feitos palpables. Reitero que non é doado, que non é o mesmo discutir sobre os problemas que afectan a un municipio dende a barra dun bar onde resulta moi sinxelo criticar, que estar no día a día con responsabilidades de goberno. Todo isto é doado dicilo vendo os touros dende a barreira, pero tremendamente complicado cando un ten a responsabilidade de tirar dun carro cos eixos oxidados e as rodas atrancadas. A tarefa de andar na procura de atopar camiños que leven ao progreso dun municipio é responsabilidade dos que gobernan e dos gobernados, cousa de todos: res pública.  Dentro dunha mala novela é posible que demos con algún parágrafo interesante, así que se o atopamos será bo quedarse con el para que axude a crear unha obra mellor. Hai que ter en conta que a política sen diálogo, sen consenso, obviando os parágrafos aproveitables dos demais, non serve para cambiar as cousas. E o movemento, amigos e amigas, amósase andando. Andemos pois.
 

Moción de censura

Te puede interesar